Feijóo destaca que a Xunta xa incoou o expediente para declarar BIC o Colexio da Nosa Señora da Antiga de Monforte Feijóo destaca que a Xunta xa incoou o expediente para declarar BIC o Colexio da Nosa Señora da Antiga de Monforte
Vídeo do presidente da Xunta no acto conmemorativo

Feijóo destaca que a Xunta xa incoou o expediente para declarar BIC o Colexio da Nosa Señora da Antiga de Monforte

Salienta que a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade suporá un gran impulso para o concello

Monforte de Lemos (Lugo), 2 de agosto de 2019.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a Xunta de Galicia vén de incoar o expediente para declarar ben de interese cultural (BIC) o Colexio de Nosa Señora da Antiga de Monforte de Lemos coa categoría de monumento.

Fíxoo durante o acto conmemorativo con motivo do IV Centenario da Consagración da Igrexa deste colexio –que tivo lugar o 4 de agosto de 1619-, no que salientou que o Goberno galego “quere que esa rica historia ocupe o lugar que merece”.

Así, Feijóo explicou que se trata dun procedemento iniciado en 2016, cando a Fundación Colexio Nosa Señora da Antiga presentou unha solicitude para a declaración de BIC. E recordou que foi posible grazas ao traballo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que elaborou un informe específico sobre os valores culturais do colexio, e grazas ao Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario, que se amosaron favorables á declaración e incluíron comentarios e información adicional que se incorporou ao expediente.

O presidente da Xunta salientou que a partir da incoación do expediente, o Colexio da Nosa Señora da Antiga pasa “de forma inmediata e provisional” a aplicárselle o réxime de protección que establece a Lei do Patrimonio cultural de Galicia para os BIC e para os monumentos en particular.

“Queremos que este Colexio do Cardeal siga tendo un papel fundamental tanto nesta vila coma no patrimonio de todos os galegos”, afirmou, ao tempo que valorou a excepcional fachada, igrexa e retablos do Colexio, que “transcenden xeracións e tempos” e “conservan intacta a súa capacidade de emocionar as obras dun museo que garda as miradas de El Greco, Andrea del Santo ou Francisco Pacheco”.

A candidatura da Ribeira Sacra, unha oportunidade para Monforte

Feijóo aproveitou para salientar que a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade é “unha oportunidade moi importante para que máis xente coñeza e goce da beleza deste lugar”. Do mesmo xeito, asentiu que “esa posible inclusión sería un importante acicate para o futuro desta terra” no que “Monforte é, sen dúbida, un punto indiscutible do turismo cultural e patrimonial galego e peza clave desta Ribeira Sacra”.

Desta maneira, remarcou que esa candidatura enmárcase na próxima chegada do Xacobeo 2021, “unha data que nos convoca a todos os galegos e que queremos descentralizar para que chegar a Santiago sexa tamén chegar a toda Galicia”.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia