A Xunta autoriza unha nova bonificación nocturna do 50% para as peaxes nas autoestradas AG-55 e AG-57 A Xunta autoriza unha nova bonificación nocturna do 50% para as peaxes nas autoestradas AG-55 e AG-57
Vídeo da rolda de prensa

A Xunta autoriza unha nova bonificación nocturna do 50% para as peaxes nas autoestradas AG-55 e AG-57

Feijóo sinala que será de aplicación directa a partir do vindeiro día 1 de outubro en todos os traxectos que discorran por estas autoestradas entre as 12 da noite e as 6 da madrugada

Bonificaranse 200.000 viaxes no citado horario, xa que se aplicará a todos os vehículos, pesados e lixeiros, que conten co sistema de telepeaxe

Lembra que desde 2010 xa se aplican nestas autoestradas bonificacións para itinerarios frecuentes, de volta no mesmo día

Destaca que o modelo de bonificacións galego é extrapolable ás autoestradas de titularidade estatal
 

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a aprobación dunha nova bonificación nocturna do 50% para as peaxes nas autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57).

Tal e como explicou Feijóo será de aplicación directa a partir do vindeiro día 1 de outubro en todos os traxectos que discorran por estas autoestradas entre as 12 da noite e as 6 da madrugada. Así, prevese bonificar 200.000 viaxes no citado horario, xa que se aplicará a todos os vehículos, pesados e lixeiros, que conten co sistema de telepeaxe.

A este respecto, lembrou que na actualidade e desde o ano 2010 xa se aplica nestas autoestradas de titularidade autonómica nos días hábiles unha rebaixa do 25% do importe da viaxe de volta nun traxecto de ida de volta. Un desconto, incidiu, que se incrementa ata o 50% no segundo e posteriores viaxes de volta en ambas as dúas autoestradas co uso do vía-T.

Ademais, Feijóo fixo fincapé no feito de que as autoestradas de peaxes de titularidade galega contan coas tarifas máis baixas de España, ao tempo que incidiu en que estas bonificacións nas horas de menos tráfico perseguen atraer cara ás vías de altas prestacións aos vehículos que circulan a estas horas polas estradas convencionais co obxectivo de mellorar a seguridade e mobilidade viaria.

Cómpre salientar que as autoestradas de A Coruña-Carballo e Vigo-Baiona dan servizo a centros de actividade económica como o Porto Exterior da Coruña, o polígono de Sabón e de Porto de Molle.

Xa para rematar, o presidente da Xunta enumerou varias das propostas que se lle trasladaron ao Goberno central para facer extensible ás autoestradas de titularidade estatal o modelo de bonificacións galegos. Tales como que os descontos se amplíen aos vehículos pesados, que non se apliquen subas que non se deriven directamente do IPC, e que se aplique unha bonificación nocturna e unha bonificación para usuarios frecuentes.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia