Feijóo remitirá hoxe ao presidente do Goberno central en funcións unha proposta de Real Decreto lei que habilitaría ao Executivo a ingresar os recursos que debe ás comunidades

Avanza que xunto ao texto incluirase un informe dos letrados da Xunta e unha proposta de Real Decreto-lei para que se aprobe a próxima semana no Congreso, e que Galicia reciba “os 700 millóns que os galegos pagamos nos impostos desde xaneiro”

“Que nos paguen o que nos deben xa”, sentencia, lembrando que esta é unha demanda unánime dos presidente autonómicos

A pesar da inestabilidade que o PSOE está a inxectar á facenda pública autonómica, afirma que no que queda de lexislatura, ademais de gobernar e de cumprir, “imos empregar a estabilidade da Comunidade para deseñar a Galicia de 2030”, garante

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2019.- Co obxectivo de acurtar prazos e de que non haxa máis escusas, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou esta mañá no Parlamento de Galicia que, hoxe mesmo, remitirá ao presidente do Goberno central en funcións, unha proposta de Real Decreto-lei, validada polos servizos xurídicos da Administración autonómica, que habilitaría ao Executivo de España a ingresar os recursos que debe ás comunidades.

“Remitirei ao presidente do Goberno unha carta pedíndolle, en primeiro lugar, que reconsidere ese bloqueo descabellado á sanidade, aos servizos sociais, á dependencia e á educación de todas ás comunidades autónomas”, sentenciou, precisando que xunto ao texto incluirase un informe dos letrados da Xunta e unha proposta de Real Decreto-lei para que se aprobe a próxima semana no Congreso dos Deputados, co fin de que Galicia poida recibir “os 700 millóns que os galegos pagamos nos impostos desde xaneiro”.

O Real Decreto-lei, que entraría en vigor o mesmo día da súa publicación no BOE, precisa no seu artigo primeiro a concesión polo Ministerio de Facenda de anticipos de tesourería a conta da liquidación definitiva dos tributos cedidos, do Fondo de Garantía de servizos públicos fundamentais e do Fondo de suficiencia. E terán a consideración de recursos non financeiros das comunidades autónomas e serán cancelados no momento en que se practique a liquidación definitiva do sistema de financiamento correspondente ao exercicio respecto do que se concederon.

“Que nos paguen o que nos deben xa”, sentenciou o titular da Xunta, lembrando que esta é unha demanda unánime dos presidente autonómicos.

Ao longo da súa intervención, Feijóo asegurou que, “ao contrario do que fai o señor Sánchez que, nin goberna nin plantexa unha política centrada”, o goberno que preside seguirá traballando e garantindo a estabilidade en Galicia para deseñar a Galicia de 2030.

“A pesar da inestabilidade do Partido socialista e da inestabilidade que o PSOE está a inxectar á facenda pública autonómica, no que queda de lexislatura, ademais de gobernar e de cumprir, imos empregar a estabilidade da Comunidade para facer outra cousa máis que é deseñar a Galicia de 2030”, garantiu.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia