Feijóo garante estabilidade e novos apoios a mozos, familias, innovación e medio ambiente ante a parálise e as incertezas nacionais Feijóo garante estabilidade e novos apoios a mozos, familias, innovación e medio ambiente ante a parálise e as incertezas nacionais
Vídeo da intervención do presidente da Xunta este mércores no Parlamento de Galicia

Feijóo garante estabilidade e novos apoios a mozos, familias, innovación e medio ambiente ante a parálise e as incertezas nacionais

Anuncia que Galicia será referente de conciliación para as familias, que terán a educación infantil de 0 a 3 anos totalmente gratuíta a partir do segundo fillo e do primeiro trimestre de 2020

Confirma que a Xunta volverá presentar presupostos para 2020 a pesar das trabas e o bloqueo a nivel estatal porque “Galicia funciona e non vai pararse”

Di que a educación pública garantirá que o 100% dos mozos saian das escolas con dominio dunha terceira lingua ou da tecnoloxía e avanza un plan contra o acoso escolar

Propón un consenso ao próximo Goberno central para tomar medidas que permitan aumentar o número de profesionais sanitarios e aprobar un sistema de financiamento viable

Destaca que Galicia é a segunda comunidade que máis aumentou os recursos públicos para I+D+i e anuncia apoios para as pemes que aínda non teñan uso intensivo de tecnoloxía

Propón dar xunto coa Administración estatal o maior impulso fiscal ao rural para que sexa aínda máis competitivo e poida seguir asociándose a calidade

Sostén que a Galicia Xacobea da próxima década ten que ser a mellor da historia e propón unha celebración descentralizada que siga mellorando os datos turísticos

A GALICIA XACOBEA DA VINDEIRA DÉCADA: ILUSIONANTE, QUE LIDERA, ATRAE, POTENCIA E ENCARA NOVOS RETOS

Avoga por ser máis que nunca Galicia Calidade: para os de fóra, coa garantía de que atoparán o mellor destino turístico; e para os galegos, con máis calidade de vida nunha terra máis coidada, con mellores servizos e con emprego de máis nivel e en novos sectores

“Galicia quere. Galicia pode. En Galicia si”, sentencia, subliñando que esta ambición colectiva susténtase no traballo previo, na capacidade de superación acreditada e nos logros acadados nos últimos anos


PROXECTO E PRESUPOSTOS

Ás portas das cuartas eleccións xerais, reivindica o modelo de Galicia escollido polos galegos non só durante varias lexislaturas senón durante varias xeracións: unha Galicia estable, moderada, centrada nos cidadáns e con orzamentos

Subliña que este modelo “proba que hai alternativa á frivolidade e á inestabilidade, que se pode facer política antepoñendo o interese xeral e que é posible gobernar con todos e para todos”

Ante a postura de pasividade e parálise do Goberno central coa Comunidade, reflectida nos 700 millóns que recauda dos galegos a Facenda estatal, lamenta que na Cámara haxa quen a apoie

“Galicia non pide nin pedirá nunca ser máis que ninguén pero tampouco acepta nin aceptará ser menos”, di

“Galicia é unha excepción que se preocupa polo legado que deixamos aos que virán. Que quere unir á xente, e non crispala e separala. E que conta cun proxecto que non improvisa, senón que planifica”, di, recordando que esta é a filosofía do Plan Estratéxico 2021-2030 que xa se está a elaborar

Lamenta que os grupos da oposición non fixesen nin unha soa achega ao Plan Estratéxico do Xacobeo e pídelles que non se absteñan do futuro de Galicia


PROXECTO PARA A GALICIA MOZA

Unha xuventude libre para escoller o seu futuro e construír a Galicia que vivirán

Salienta que a Galicia de hoxe xa crea emprego en máis cantidade e calidade que a de hai dez anos e, no caso específico dos menores de 30 anos, lembra que o desemprego, que chegou a estar por riba do 40%, agora sitúase no entorno do 19%

Destaca que en 2018 entraron en Galicia arredor de 13.000 persoas máis das que saíron, máis da metade menores de 30 anos

Demanda un compromiso real co Pacto do Estado pola Educación: “España leva toda a democracia encadeando leis educativas. Un estudante que hoxe estea rematando os seus estudos terase formado con catro normativas diferentes”

Asegura que unha das prioridades seguirá sendo a de axudar aos rapaces a atopar a súa vocación coa posta en marcha, este curso, do Plan de orientación profesional que, de xeito progresivo, incorporará aos colexios públicos un segundo orientador

Precisa que xa hai 15 centros que ofrecen Bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía e a Estratexia STEM está a fomentar estas materias

Recorda que o ano que vén Galicia converterase na terceira comunidade con graos universitarios abertos, de xeito que os alumnos poderán elixir materias de varias carreiras antes de decidirse por unha

Afirma que Galicia seguirá reforzando a súa aposta pola FP, guiada pola Estratexia FP2030 e co futuro Centro Galego de Innovación de FP que comezará a funcionar o próximo ano en Ourense

Resalta que os alumnos universitarios xa dispoñen do novo mapa de titulacións e terán un novo fito no marco do Proxecto Galicia 2030, que xa deu como resultado un catálogo de 30 perfís profesionais de futuro

“Seguiremos considerando fundamental a formación xa na época laboral, como a que garanten as unidades formativas en empresas ou os obradoiros de emprego”

Di que desde a Xunta continuarase coa modernización do Servizo Público de Emprego, que xa fai posible difundir en tempo real as ofertas de traballo

Co obxectivo de promover a vida saudable avanza que se fixará por lei a calidade alimentaria que se oferta nos centros públicos

Lembra que o 100% dos colexios teñen un plan de loita contra o machismo ou inclúen a igualdade como materia de libre configuración

Destaca o compromiso de trazar cos profesionais educativos un novo Plan contra o acoso escolar, en todas as súas vertentes

Di que este 2020, as instalacións xuvenís da Xunta estarán a disposición tamén fóra do período estival, e o próximo verán será a campaña con máis prazas que nunca


PROXECTO PARA A GALICIA FAMILIAR

Avanza unha liña de axudas para que todos os concellos poidan ter un centro de conciliación

Salienta que todas as familias que reciban a Tarxeta Benvida e teñan un terceiro fillo recibirán 2.400 euros anuais desde o seu nacemento ata que fagan os tres anos

Confirma que, ademais, a Tarxeta Benvida incrementarase tamén nun 25% para todas as familias que vivan nos concellos de menos de 5.000 habitantes, que recibirán: 1.500 euros polo primeiro e segundo fillos; e 3.000 euros polo terceiro

“Financiaremos que as empresas contraten persoal para que os seus traballadores poidan conciliar e que os seus fillos estean ben coidados e preto deles no horario laboral”, di

Anuncia a bonificación das peaxes autonómicas para as familias numerosas

Os novos establecementos como hoteis ou centros comerciais deberán contar con cambiadores accesibles e reservar prazas de aparcamento para familias, explica

Destaca a creación dun selo para distinguir e recoñecer os establecementos máis amigables coas familias e o lanzamento dunha nova Caixa Benvida, máis completa

Co obxectivo de apoiar ás familias que teñen un fillo celíaco, avanza a creación dunha distinción para os establecementos concienciados

Resalta tamén que se impulsará a creación de parques infantís cubertos, que permitan o seu emprego con independencia da climatoloxía

Asegura que se ampliarán os recursos para facilitar ás familias conciliar durante as vacacións escolares

Asevera que a Xunta fará ao próximo Goberno central unha proposta de colaboración e cofinanciamento para que as garderías sexan 100% de balde para todas as familias, xa desde o primeiro fillo

 

Prestar a mellor atención aos maiores e aos discapacitados

Aposta pola extensión do autobús de coidados porta a porta –con servizos de óptica, obradoiros de memoria e asesoramento aos maiores-, para que se amplíe aos 200 concellos de menos de 5.000 habitantes

Asegura que o Decreto de concerto social permitirá contratar prazas públicas en entidades sociais coa máxima flexibilidade e adaptándose ás necesidades das familias

Confirma a elaboración dun protocolo de atención aos maiores que viven sós

Constata o impulso definitivo ás sete novas residencias nas sete cidades, que satisfarán dúas terceiras partes da demanda, e en colaboración coa Fundación Amancio Ortega que asume a construción e equipamento

Subliña que desde 2009 multiplicáronse por catro o número de dependentes atendidos e, en 2019 o novo obxectivo foi incrementar as contías que perciben

No ámbito de apoio ás persoas con discapacidade, ademais de incrementar as contías que reciben as entidades, garante a elaboración dun catálogo de postos da Administración, reservados para eles ou cun novo Decreto de accesibilidade

Avanza a actualización, en 2020, dos obxectivos da Axenda Social Única

 

Unha Sanidade pública con máis e mellores servizos e máis profesionais en nómina

Salienta que na actualidade hai 35.136 profesionais en nómina, a maior cifra da historia do Sergas, e con mellores condicións

Confirma o obxectivo de seguir esgotando ata o máximo as taxas de reposición que marca o Estado, como se fixo sempre, mantendo o compromiso cos sindicatos para mellorar a estabilidade da Función Pública, elevándoa ao entorno do 93%

Logo de impulsar a maior renovación histórica das infraestruturas sanitarias, subliña que en outubro iniciaranse as obras da ampliación do Hospital de Ferrol

Antes de que remate o ano licitaranse as obras do Gran Montecelo en Pontevedra

Nos vindeiros días adxudicarase a redacción do proxecto de ampliación do Complexo Hospitalario de Santiago

“Completaremos a renovación do Complexo Hospitalario de Ourense, que incluirá un novo edificio de hospitalización e a reforma do Materno-Infantil”, di

Afirma que neste vindeiro trimestre, adoptarase a decisión sobre a ubicación na que se construirá o Novo Hospital da Coruña

Aos 66 centros de saúde xa construídos ou reformados sumaranse outros 24, que se están a impulsar e que incluirán centros integrais de saúde, como o de Lugo, que se iniciará en menos de catro meses, ou o de Vigo, cuxo proxecto se dará a coñecer antes de que remate este ano

No eido da prevención, subliña que antes de que remate o ano comezarase coa pilotaxe da detección precoz do cancro de cérvix

Seguiranse garantindo os novos tratamentos e a atención personalizada, coa próxima aprobación do Plan de saúde mental e do Plan oncolóxico, “e para dar resposta ás expectativas da xente, estamos redactando un novo Plan de humanización dos centros”, engade

Resalta que o Hospital a domicilio estenderase a toda a xeografía, facendo o maior investimento en innovación e mellorando a atención aos pacientes crónicos


PROXECTO PARA A GALICIA INNOVADORA

Innovar para liderar e estar preparados para os novos retos dixitais

Recorda que somos unha das dúas comunidades nas que se está ensaiando a cobertura 5G, e a terceira con mellor 4G

Salienta que na Administración os trámites electrónicos xa superan aos presenciais

Logo de que o 100% dos galegos teñan xa historia e receitas electrónicas, afirma que a Xunta traballa para completar a historia social única, que xa teñen 650.000 cidadáns de 280 concellos

“A Xustiza modernizouse grazas aos 100 M€ que investimos para as infraestruturas -o dobre que nos 15 anos anteriores- ou coa posta en marcha do Plan de Expurgo, pero tamén con avances tecnolóxicos como as demandas online, as videoconferencias nos xulgados ou o sistema de comunicacións electrónicas”, di

Expón que Galicia é a 2ª comunidade onde máis creceu o investimento público en I+D, a 1ª en execución dos fondos europeos para esta materia e o incremento neste eido duplica a media estatal

Destaca a consolidación dos centros tecnolóxicos e di que o sector primario tamén se está dixitalizando, por exemplo, cunha rede de comercio electrónico no rural ou coa poxa online nas lonxas

Asegura que o Goberno galego seguirá apostando polo futuro a través da Estratexia Dixital Galicia 2030

Avanza a elaboración do decreto que permitirá acreditar as competencias dixitais dos galegos, de xeito similar a como se recoñecen para os idiomas

Confirma que Galicia aspira a ser a segunda comunidade que elabore unha estratexia sobre intelixencia artificial; “e crearemos a rede de nodos de especialización tecnolóxica ”, matiza

Destaca a aprobación o vindeiro ano dunha liña de axudas para fomentar as casas intelixentes e o impulso da Estrada 4.0, que preparará as vías para o desenvolvemento do coche autónomo

 

Innovar para ser competitivos

Subliña que Galicia seguirá apostando pola investigación, “e por iso a semana pasada fixemos a maior inxección pública da historia nos centros de investigación universitaria”, matiza

Co fin de atraer e reter novos investigadores, lembra que o Programa Talento achega máis de 21,5 M€ ata 2021 para chegar a 1.500 profesionais da I+D+i

Afirma que as 25 aceleradoras seguirán apoiando a todo aquel que teña un proxecto, “e seguiremos facilitando que os investidores confíen en Galicia como o estamos a facer coa Lei de implantación empresarial ou cos incentivos para a adquisición de solo industrial”, resume

Precisa que a nova Estratexia Innovación Pemes centrarase naquelas empresas de sectores tradicionais nas que non haxa aínda uso intensivo de tecnoloxía

Explica que a nova Axenda 4.0 conta con máis recursos -350 millóns ata 2022- e ferramentas para dar continuidade ao éxito da que funcionou nos últimos anos e crear 13.500 empregos

Lembra que o apoio ao Polo industrial TIC da Coruña porá a disposición das empresas maquinaria e equipamento para levar á práctica os seus deseños

Asevera que grazas á innovación: as fábricas seguen contando con Galicia para fabricar os novos modelos de automóbil; o naval galego ten a segunda maior carteira de pedidos de toda Europa; e o polo aeronáutico en Rozas trouxo ás principais multinacionais do sector

En relación ao sector primario asevera que a aposta pola transformación e comercialización dos produtos pesqueiros traduciuse nun aumento do 38% do prezo por quilo na cadea mar-industria

Lembra que axudar a que as explotacións sexan máis competitivas supuxo a entrada de case 3.500 mozos, ou que se puxeran en marcha tres proxectos lácteos que absorberán a metade de todo o que producimos

Subliña que Galicia é a terceira comunidade con maior creación de empresas biotecnolóxicas

Insiste na necesidade dun Goberno central que xere estabilidade e non comprometa o futuro de sectores clave como as industrias electrointensivas, as centrais térmicas de carbón, a actividade forestal, Navantia Ferrol ou a automoción


PROXECTO PARA A GALICIA VERDE

Unha Galicia que levará a ordenación e protección ao día a día dos galegos

Afirma que xa se están a redactar os plans básicos municipais para os 49 concellos de menos de 5.000 habitantes e di que o primeiro estará aprobado na primeira metade de 2020

Di que a vindeira semana aprobarase a Estratexia de Cambio Climático 2050, e fai un chamamento aos 157 concellos que aínda non están adheridos ao Pacto de Alcaldes polo Clima para abordar, con realismo pero sen dilación, as medidas necesarias

Garante o compromiso da Xunta na loita contra o furtivismo e o apoio á industria forestal, “porque poñer en valor o monte é o mellor xeito de reducir os lumes”

Agradece e pon en valor o papel dos profesionais que loitan contra os incendios e tamén a maior implicación dos concellos e dos galegos na limpeza dos montes

No eido da xestión da auga, reitera que, ademais das medidas fixadas por lei para situacións de risco, a Xunta está decidida a tomar como referencia Sogama para contar cun organismo que xestione correctamente as infraestruturas hidráulicas, controle as perdas de auga e homologue a calidade en toda Galicia

Salienta que a nova Lei de residuos, que se remitirá este ano ao Parlamento, reforzará en 2020 as axudas para fomentar que os concellos implanten plantas de compostaxe, ou tamén coa distribución de pequenos composteiros en vivendas familiares

“Seguiremos adecuando as infraestruturas de saneamento e abastecemento -nas que xa investimos máis de 1.100 M€ na última década-; e mellorando a calidade das nosas rías, un obxectivo que permitiu recuperar case 13 millóns de metros cadrados para zonas de marisqueo”, matiza

Asegura que a xestión dos xurros quedará enfocada xa nesta lexislatura

Afirma que a Xunta continuará coa firme decisión de priorizar sempre a rehabilitación fronte ás novas construcións, con máis axudas e con máis programas para arranxar inmobles nos cascos históricos

Confirma que o vindeiro ano as primeiras accións do Ecobarrio de Ourense xa serán visibles e, en 2020 tamén se lle dará forma ao proxecto do segundo Ecobarrio, na Coruña

Anuncia a aprobación o ano que vén do Plan de Eficiencia Enerxética 2020-2024 para que máis de 20.000 familias conten con axudas para reducir o consumo enerxético dos seus vehículos e fogares, incluíndo un Plan Renove de electrodomésticos

Sostén a necesidade de reforzar a aposta por sectores como o eólico, a biomasa e a industria forestal, chamados a ter un papel protagonista na década que vé

 

Novo paquete de impulso fiscal ao rural. Un rural competitivo e asociado á calidade

Subliña que este ano aprobarase o Plan de reforzamento da marca: Galicia Calidade, dotándoa ademais dunha finca escaparate en Sergude

Precisa que a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria entrará na Cámara este ano, co fin de ordenar a terra e, sobre todo, para facilitar que se aproveite para xerar riqueza e emprego

Salienta que os polígonos agroforestais permitirán mobilizar terra suficiente para proxectos viables; e a figura do banco de explotacións dará solución ao problema do relevo xeracional en Galicia

Avanza un novo paquete de impulso fiscal ao rural, tanto directamente nos tributos que dependen de Galicia, como solicitando ao Goberno central que faga o propio nos impostos estatais: para incentivar os arrendamentos pactados a través do Banco de Terras; a mobilización de parcelas que se integran nun polígono agroforestal; a participación de proxectos de investidores no rural; ou o uso de instrumentos de xestión conxunta da terra

No eido da mobilidade, asevera que a segunda fase do Plan do transporte a demanda ou compartido co escolar permitirá estender a toda Galicia os beneficios do transporte metropolitano

Precisa que máis do 80% dos galegos sitúanse a menos de 15 minutos dunha vía de altas prestacións, e confirma que se mellorará completando a Vía Ártabra, a Autovía Costa da Morte, a VAC da Costa Norte, a que unirá Tui-A Guarda, a da Estrada, ou os desdobramentos Lugo-Sarria ou Brión-Noia

Anuncia a posta en marcha dun proxecto para completar a cobertura no rural e que os case 25.000 galegos que teñen mala ou nula 4G dispoñan desta rede

Ademais da aprobación dun novo Plan Forestal, avanza a creación de microparques industriais que faciliten o asentamento de actividades xeradoras de emprego

Aos incentivos fiscais que están en marcha para mercar casa, precisa que se sumarán axudas ao alugueiro nos concellos de menos de 10.000 habitantes e con dinámica demográfica negativa

Dentro dos investimentos para que se poida mercar máis facilmente: crearanse puntos de recollida de compras no rural para que poidan beneficiarse dos servizos de comercio dixital


UNHA GALICIA CON FUTURO PARA OS PRÓXIMOS 12 MESES E CUN FUTURO CERTO PARA OS PRÓXIMOS 12 ANOS

Pide ao Goberno central que vaia moito máis aló das grandes capitais e recorda que o AVE ten que estar probado, funcionando con trens de calidade e con todas as garantías de seguridade, antes do inicio do Xacobeo 2021

Confirma a ampliación nos próximos meses do Plan de Mellora de Aloxamentos Turísticos, que agora se estenderá tamén aos establecementos de restauración

Anuncia unha orde de axudas para combater o feísmo nos Camiños, dirixidas aos galegos que teñen propiedades ao longo das rutas xacobeas

Explica que o programa Camiño Accesible proporá incluír pictogramas para persoas con discapacidade cognitiva en todos os albergues da rede pública e o acceso sen colas para persoas con necesidades especiais en todas as infraestruturas dos camiños

Para facilitar que tamén os galegos coñezan mellor Galicia, asegura que o Programa Galicia Única apostará polo turismo interno, especialmente dirixido a mozos, maiores e familias numerosas

Para que aínda máis persoas, empresas, colectivos e entidades poidan contribuír a deseñar o Xacobeo que queren, anuncia a próxima apertura dunha segunda edición da iniciativa O teu Xacobeo

Confirma que nas próximas semanas iniciarase unha ronda de contactos con todas as cidades galegas para preparar un gran Plan de actuación nas 7 cidades de Galicia, cunha ambiciosa oferta cultural e turística en cada unha delas, e investimentos en infraestruturas en cada cidade

Concreta que nos orzamentos do ano que vén incluirase outro paquete de incentivos para que Galicia teña aínda mellores condicións fiscais para as familias e para os investidores

Traslada o agradecemento a todos os que durante todo este tempo falaron, colaboraron, acordaron, polo ben de todos: ás familias, aos traballadores públicos, ás entidades sociais, ás universidades, aos concellos, ás comunidades autónomas e aos grupos da Cámara, “que en ocasións se sumaron para lograr consensos amplos ou mesmo unánimes”

Sostén que hai asuntos nos que a división nunca debería ser unha opción, “e un deles é na loita contra a violencia machista”, di, garantindo o compromiso da Xunta

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia