Feijóo subliña o liderado consolidado de Navantia Fene na construción offshore tras o compromiso renovado de Iberdrola con este estaleiro Feijóo subliña o liderado consolidado de Navantia Fene na construción offshore tras o compromiso renovado de Iberdrola con este estaleiro
Vídeo do acto

Feijóo subliña o liderado consolidado de Navantia Fene na construción offshore tras o compromiso renovado de Iberdrola con este estaleiro

Desde 2015, Navantia executou seis contratos vinculados a estruturas eólicas, o que permitiu a creación de postos de traballo de maneira continuada, con picos de 1.200 persoas e unha facturación de 400 millóns de euros

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2019.- O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o compromiso de Iberdrola coa factoría de Navantia na ría de Ferrol e constatou o liderado consolidado do estaleiro de Fene na construción offshore.

Durante unha reunión co presidente de Iberdrola, Ignacio Galán, Feijóo valorou a recente adxudicación a Navantia-Fene das 62 cimentacións (jackets) que equiparán o parque eólico mariño de Saint-Brieuc, en Francia, o que afianza a dimensión internacional do estaleiro ferrolán neste ámbito.

Este novo encargo, que superará o importe de 170 millóns de euros, prodúcese cinco anos despois da adxudicación aos estaleiros das jackets destinadas ao parque eólico mariño alemán Wikinger, que, posto en marcha a finais de 2017, supuxo o primeiro destas características promovido ao 100% por Iberdrola.

Ademais dunha carga de traballo para Navantia que podería superar os 20 meses e as máis de 1,3 millóns de horas, a construción deste novo parque favorecerá a internacionalización de Navantia coa apertura dun centro de traballo en Bres, que lle permitirá compartir a experiencia na fabricación de jackets.

O responsable do Goberno galego incidiu na necesidade de seguir por este camiño xa que a eólica offshore, pola que apostou a Xunta desde o principio, a través de iniciativas como o programa fábrica intelixente para avanzar cara ao Estaleiro 4.0 e do que Navantia é beneficiaria, abriu unha nova porta ao estaleiro e a industria auxiliar da comarca, creando novas oportunidades laborais e consolidando Galicia neste campo da eólica a nivel europeo.

Cómpre destacar que desde 2015, Navantia executou seis contratos vencellados a estruturas eólicas. Ademais dunha alternativa á construción naval e dun modo de diversificar a súa actividade e manter a carga de traballo de Fene, isto supuxo unha facturación, entre 2015-2017, de 400 millóns de euros por esta liña de traballo, creándose postos de traballo de xeito continuado con picos de 1.200 persoas.

 

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia