Feijóo incide na importancia do traballo conxunto entre administracións e emprendedores para seguir xerando emprego e riqueza

Incide en que a creación de empresas e o desenvolvemento das ideas empresariais precisan dunha contorna marcada pola estabilidade que o facilite

Felicita aos premiados e destaca o labor de asociacións como AJE Pontevedra que recoñecen a responsabilidade social empresarial, a creación de emprego e tamén a innovación

Pontevedra, 31 de outubro de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, insistiu hoxe na importancia do traballo conxunto entre administracións e emprendedores para seguir xerando emprego e riqueza.

Durante o acto de entrega do XXIV Premio Xove Empresario do Ano de Pontevedra, o responsable do Executivo autonómico fixo fincapé en que a creación de empresas e o desenvolvemento das ideas empresariais precisan dunha contorna marcada pola estabilidade que o facilite e, nese camiño, aseverou, sempre estará a Administración autonómica.

Nesta liña, referiuse, a modo de exemplo, ao apoio a iniciativas novas cun enfoque innovador ou social, a través de StartIN Galicia, que leva impulsados xa 25 programas de incubación, aceleración e fortalecemento do emprendemento; e á aposta pola cuarta revolución industrial, coa Axenda Industrial 4.0 que, entre 2019 e 2022, contará con 350 millóns e mobilizará uns 900 millóns de euros.

Así mesmo, resaltou o impulso da Galicia innovadora, a través do Plan innova 2020, que xa outorgou máis de 3.800 axudas para potenciar o talento na Comunidade e mobilizou 1.298 millóns de euros.

O titular do Executivo galego concluíu a súa intervención felicitando aos premiados e destacando o labor de asociacións como AJE Pontevedra, que recoñecen a responsabilidade social empresarial, a creación de emprego e tamén a innovación, poñendo de manifesto que a Comunidade alberga grandes historias de éxito empresarial que hai que reivindicar para seguir construíndo a “cultura do emprendemento”.

Sobre este punto, lembrou o convenio asinado hai unhas semanas con Fegaxe-AJE Galicia para desenvolver accións de formación e asesoramento específico para autónomos, así como para a posta en marcha de espazos de traballo sectoriais e dun foro de investimento, e para a organización de conferencias relacionadas coa Industria 4.0.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia