Feijóo enxalza o labor das entidades de atención á discapacidade para seguir xerando oportunidades de cara á plena inclusión Feijóo enxalza o labor das entidades de atención á discapacidade para seguir xerando oportunidades de cara á plena inclusión
Declaracións do presidente da Xunta

Feijóo enxalza o labor das entidades de atención á discapacidade para seguir xerando oportunidades de cara á plena inclusión

Salienta que APAMP foi pioneira en traballar pola integración social das persoas con parálise cerebral; en integrar aulas específicas en colexios ordinarios e en ofrecer servizos de respiro familiar especializado

Vigo, 4 de novembro de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou hoxe o labor das entidades de atención á discapacidade para seguir xerando oportunidades de cara á plena inclusión.

Durante unha visita ás instalación do centro de día e residencia de APAMP-Navia, Feijóo incidiu na importancia de traballar man a man coas entidades sociais nese camiño. E, ao respecto, aseverou que Galicia seguirá apostando polas prestacións públicas de asistente persoal; incrementando as prazas públicas de atención á discapacidade; axilizando os procesos de valoración; achegando máis fondos ca nunca para a atención á discapacidade; apoiando ás entidades para que poidan desenvolver cada vez mellor a súa labor; e reforzando a rede galega de atención temperá.

Así mesmo, lembrou que xa se está a tramitar o primeiro Decreto de concerto social de Galicia, co obxectivo de axilizar e flexibilizar a creación de recursos públicos alá onde se necesiten, ademais de outorgar prioridade ás entidades sociais nos ámbitos onde teñen unha traxectoria que as avala.

Todo elo, para acadar un so obxectivo, incidiu: que as persoas con discapacidade dispoñan de todas as oportunidades que necesitan para gozar dunha vida plena.

Nesta liña, o presidente da Xunta subliñou que a Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral foi pioneira en traballar pola integración social das persoas con parálise cerebral e en loitar contra os prexuízos e a prol da vida autónoma; en integrar aulas específicas en colexios ordinarios e en ofrecer servizos de respiro familiar especializado; e, en crear o primeiro centro ocupacional e de día de Vigo.

“O traballo de APAMP é todo un exemplo de como se logran eliminar os obstáculos que aínda atopan moitas persoas con parálise cerebral no seu día a día”, abundou, o presidente da Xunta, garantindo o compromiso con esta entidade para, xuntos, afrontar os retos na vindeira década.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia