Feijóo reitera que Galicia non renunciará á totalidade dos 700 M€ que lle debe o Goberno central e propón varias solucións para que as Comunidades conten coa mensualidade do IVE de 2017 antes de fin de ano Feijóo reitera que Galicia non renunciará á totalidade dos 700 M€ que lle debe o Goberno central e propón varias solucións para que as Comunidades conten coa mensualidade do IVE de 2017 antes de fin de ano
Vídeo da intervención de Feijóo sobre este tema na rolda de prensa do Consello

Feijóo reitera que Galicia non renunciará á totalidade dos 700 M€ que lle debe o Goberno central e propón varias solucións para que as Comunidades conten coa mensualidade do IVE de 2017 antes de fin de ano

Di que a primeira opción é a de solicitar ao Goberno central que habilite o financiamento previsto para compensar todas as cantidades do IVE a todas as Comunidades Autónomas antes do 30 de decembro

Expón que a segunda fórmula é que o Goberno central asuma un incremento transitorio do seu endebedamento, e que se endebede polo mesmo importe que a débeda do IVE

Solicita a convocatoria do Consello de Política Fiscal e Financeira, no que se pedirá abordar a aprobación a Galicia dos incentivos polo seu bo desempeño fiscal nos anos 2017 e 2018, por importe de 170 millóns de euros, tamén pendentes de pago

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2019.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterou hoxe que Galicia non renunciará á totalidade dos 700 millóns de euros que lle debe o Goberno central e avanzou que a Comunidade galega proporá varias solucións para que as comunidades e as entidades locais conten coa mensualidade do IVE de 2017 antes de que remate o ano.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo reiterou que dos 700 millóns, ata o momento, Galicia tan só recibiu 167 millóns de euros. E o único que garante o Goberno central, a través dun Real Decreto Lei, son as entregas a conta: 334 millóns de euros que “estaban comprometidos para este mes de novembro”, rexeitando pagar os 200 millóns da mensualidade do IVE de 2017 e os 170 millóns dos incentivos.

Diante disto, Feijóo trasladou dúas posibilidades para regular a modificación do sistema do IVE. Como primeira opción, a proposta de solicitar ao Goberno central que habilite o financiamento previsto para compensar todas as cantidades do IVE a todas as Comunidades Autónomas antes do 30 de decembro, para o que hai diversos mecanismos: a modificación orzamentaria –dando de baixa e de alta a distintas partidas dos orzamentos prorrogados do Estado-; ou volver outra vez a completar o Real Decreto Lei, algo que “seguimos dicindo que é perfectamente posible”.

Como segunda posibilidade, o presidente da Xunta expuxo a opción de que o Goberno central asuma un incremento transitorio do seu endebedamento, e que se endebede polo mesmo importe que a débeda do IVE. E, posteriormente, unha vez que habilite o mecanismo legal axeitado, deixe sen efecto esa débeda, como consecuencia de que mediante un axuste contable, o IVE sería igual á débeda que o Goberno central subscribiría e transferiría ás Comunidades.

“Esta fórmula é moi sinxela: o Goberno central emite débeda pública polo importe do IVE que debe ás Comunidades Autónomas; transfire ese importe ás Comunidades; e posteriormente, na primeira lei que pase polas Cortes Xerais, xera crédito a través do IVE que xa ten recadado, e por ese mesmo importe amortiza a débeda”, explicou sobre a segunda das solucións.

Así mesmo, no caso de que o Goberno central “non faga caso a ninguén”, Feijóo anunciou que o asunto se levará ao Parlamento.

“E tamén pedimos, claramente, a convocatoria do Consello de Política Fiscal e Financeira”, dixo, subliñando que tamén se pedirá que se inclúa na orde do día un punto específico para abordar a aprobación a Galicia dos incentivos polo seu bo desempeño fiscal nos anos 2017 e 2018, por importe de 170 millóns de euros, tamén pendentes de pago. “Non soamente non nos pagan, senón que non nos falan”, aseverou.

Nesta liña, o titular do Goberno galego incidiu en que este asunto “está empezando a producir unha tensión innecesaria de aqueles que pensamos que o Estado das autonomías ten que arranxar os seus problemas internamente”, e subliñou que Galicia está actuando “con lealdade” e está propoñendo fórmulas, como as expostas hoxe.

“Espero e desexo que isto por fin se poida desbloquear, porque se non é así imos pechar un ano moi complexo, con débedas, con liñas de tesourería e coa imposibilidade de cumprir os prazos de pagamento que vimos acostumando”, dixo, e lembrou que Galicia é a Comunidade Autónoma que paga as facturas en menor tempo, pero agora “nos está custando xa non pagalas en menor prazo, senón pagalas”; “e non é xusto”, concluíu.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia