Feijóo enxalza o traballo de todo o tecido deportivo en Galicia e a súa contribución á etapa dourada que hoxe atravesa o noso deporte Feijóo enxalza o traballo de todo o tecido deportivo en Galicia e a súa contribución á etapa dourada que hoxe atravesa o noso deporte
Intervención do presidente

Feijóo enxalza o traballo de todo o tecido deportivo en Galicia e a súa contribución á etapa dourada que hoxe atravesa o noso deporte

Garante o compromiso da Xunta co deporte, cos seus valores e coa importancia do exercicio físico na nosa sociedade

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2019.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou hoxe o traballo de todo o tecido deportivo en Galicia e a súa contribución á etapa dourada que hoxe atravesa o noso deporte, con máis dun cento de olímpicos e cunha presenza de Galicia que se multiplica en mundiais e europeos.

Durante o acto de entrega dos Premios Deporte Galego do ano 2018, Feijóo aseverou que esa mestura de protagonismo galego nos grandes eventos internacionais, pero á vez a conservación dos valores do deporte, é a que se da cita nestes galardóns. “Neste acto reúnense unha chea de méritos que proveñen duns inmellorables embaixadores do noso deporte”, dixo.

Nesta liña, destacou o compromiso do CEIP Plurilingüe de Tirán (Moaña) para salvagardar a saúde e previr enfermidades dos máis novos, percorrendo unha milla diaria ou participando en todas as actividades do programa Xogade; do grupo empresarial Jim Sports para salvagardar a saúde e previr enfermidades dos nosos adultos, instalando un ximnasio e unha pista de pádel na sede do grupo empresarial, en Palas de Rei; e do Concello de Narón para, a través do proxecto Cen mil motivos de peso, coidar a saúde e previr enfermidades da poboación en xeral, controlando a súa saúde cardiovascular e previndo a obesidade.

Así mesmo, resaltou o galardón a Martín Liste por respectar os valores tradicionais do deporte e aproveitar a capacidade que ten para derribar fronteiras e unir persoas, ao compartir as súas medallas co deportista ganés Faisal Dauda; e os éxitos de Teresa Abelleira, Malena Mieres e Nuria Rábano, premio ás mellores deportistas revelación.

“Parabéns ao Campionato do Mundo de Xadrez de Cadetes, celebrado na Cidade da Cultura, por exhibir ao mundo a calidade do noso deporte e tamén ao programa radiofónico Convivir Deportivo, dirixido por Alfonso Pardo, por dar a coñecer e divulgar a nosa riqueza deportiva, agochada en cada recuncho de Galicia”, engadiu, referíndose, tamén, á premiada Zulema González, por ser a primeira galega en acadar a internacionalidade da FIFA como árbitra, e levar tres lustros xulgando o fútbol galego e nacional co rigor que a caracteriza.

Do adestrador Xulio Conde recalcou a súa implicación para guiar aos deportistas formados na súa escola de ciclismo, desde hai 15 anos, cara a éxitos a nivel mundial nunca antes acadados. “Inspirar, infundir, animar e motivar aos máis pequenos para que convertan o deporte en parte da súa rutina, do seu día a día, é o que fai o Club Balonmán Lalín, que conseguiu espertar estes sentimentos en 300 xogadores e xogadoras”, dixo, resaltando tamén o exemplo de superación que supón para a sociedade o equipo de fútbol da Fundación Celta Integra, subcampión da primeira Liga Genuine.

Por outra banda, salientou o premio ao mellor equipo masculino acadado por Pedro Ameneiro e Martín Wizner, referentes na vela mundial; o premio aos mellores equipos femininos acadado polo Club Balonmán Atlético Guardés e polo Club Deportivo Burela Fútbol Sala; e o galardón de mellor deportista masculino con discapacidade a Francisco Pérez Carrera, campión de Europa e do Mundo de atletismo.

Nesta mesma liña, afirmou que os nutridos palmareses de Susana Rodríguez Gacio e de Desirée Vila fan que compartan o premio á mellor deportista feminina con discapacidade. “Colgarse trinta medallas internacionais e ser campión tamén de Europa e do Mundo de piragüismo son méritos máis que suficientes para que Tono Campos sexa o mellor deportista masculino de Galicia”, precisou, facendo fincapé tamén na traxectoria de Ana Peleteiro, cuxos éxitos no atletismo fana merecedora do premio á mellor deportista feminina de Galicia.

Logo de destacar o premio ao mellor patrocinio deportivo á marca galega Estrella Galicia, Feijóo concluíu garantindo o compromiso da Xunta co deporte, cos seus valores e coa importancia do exercicio físico na nosa sociedade.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia