Feijóo constata os avances na intermodal de Vigo coa construción da nova estación de autobuses que albergará 500 expedicións ao día Feijóo constata os avances na intermodal de Vigo coa construción da nova estación de autobuses que albergará 500 expedicións ao día
Declaracións do presidente da Xunta

Feijóo constata os avances na intermodal de Vigo coa construción da nova estación de autobuses que albergará 500 expedicións ao día

Asevera que o afán de cooperación estará sempre presente na Xunta, como proba o feito de que sexa a administración pública que máis inviste en Vigo, coa maior partida de todas as consignadas ás intermodais de Galicia: 16 millóns

Afirma que a Xunta seguirá traballando para que o AVE chegue a Galicia e, polo tanto, tamén a Vigo; pola liberalización da peaxe de Redondela e para que se desbloquee a nova autovía Vigo-Porriño

Vigo, 2 de decembro de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, constatou hoxe os avances na intermodal de Vigo coa construción da nova estación de autobuses que albergará 500 expedicións ao día.

Durante unha visita ás obras da nova terminal de autobuses, Feijóo aseverou que o afán de cooperación estará sempre presente no Goberno galego, como proba o feito de que a Xunta sexa a administración pública que máis inviste en Vigo, coa maior partida de todas as consignadas ás intermodais de Galicia: 16 millóns de euros.

Así mesmo, precisou que a estación de autobuses, cuxas obras iniciou o Goberno galego recentemente, servirá de soporte e plataforma ao gran impulso do transporte público: coas novas liñas; co plan de transporte metropolitano, que en Vigo bonifica preto de 3 millóns de viaxes cada ano; e coa tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 19 anos viaxan gratis en autobús e que a partir de xaneiro chegará ata aos 21 anos.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego fixo fincapé en que a Xunta seguirá apostando por Vigo como o fixo co impulso e aprobación dunha lei autonómica, que permitiu que Vigo puidese seguir avanzando a pesar da anulación xudicial do Plan Xeral: posibilitando a construción do Centro Vialia xunto á estación de ferrocarril; posibilitando a construción duns accesos que van transformar radicalmente para ben este entorno urbano e en cuxo financiamento tamén colabora a Xunta; e posibilitando a construción da nova estación de autobuses.

Feijóo concluíu reiterando que a Xunta seguirá apostando pola suma de esforzos e traballando para que o AVE chegue a Galicia e, polo tanto, tamén a Vigo; para que o próximo Goberno de España dea pasos para que o Corredor Atlántico de Mercadorías sexa real e se transforme nunha boa conexión do porto de Vigo, na execución da saída sur e na mellora da conexión ferroviaria con Portugal; para conseguir a liberalización da peaxe de Redondela; e para que se desbloquee a nova autovía Vigo-Porriño, o que suporía dar solución a un dos tramos máis perigosos de España, como é o actual trazado entre ambas localidades.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia