Feijóo defenderá a unidade e a moderación e poñerá como exemplo a estabilidade de Galicia como garantía de benestar e progreso colectivo

Recordará o éxito de Galicia no último Informe Pisa no que a Comunidade situouse á cabeza das autonomías en Ciencias e nos primeiros postos en Matemáticas, e lembrará que este feito é mérito do profesorado, escolares, familias e sociedade

Poñerá en valor a España das Autonomías, un sistema froito da etapa máis fecunda da historia do noso país e que é preciso reivindicar

Argumentará que a inestabilidade só conduce á parálise política e, en consecuencia, ao atraso de decisións urxentes e importantes para as galegas e os galegos

A piques de cumprirse 100 anos do primeiro número da revista Nós, reivindicará a mesma unidade que predicou a Xeración Nós ou o propio Eduardo Blanco Amor

Apostará para a vindeira década, e ás portas do Xacobeo 2021, por unha Galicia moza, familiar, verde e innovadora: unha Galicia que sexa, máis que nunca, Galicia Calidade

Ourense, 30 de decembro de 2019.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladará desde o IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, onde el mesmo ocupou unha cadeira como alumno, unha mensaxe de Fin de Ano na que defenderá a unidade e a moderación e poñerá como exemplo a estabilidade de Galicia como garantía de benestar e progreso colectivo.

Aproveitando o escenario que ofrecen as aulas para reflexionar, Feijóo defenderá que os centros educativos son garantía de que o éxito colectivo da nosa Comunidade proseguirá no futuro. Neste sentido, recordará o éxito de Galicia no último Informe Pisa no que a nosa Comunidade situouse á cabeza das autonomías españolas en Ciencias e nos primeiros postos en Matemáticas, e lembrará que este feito é mérito do profesorado, escolares, familias e sociedade. Sobre este mesmo punto, garantirá o compromiso da Xunta para seguir dotando o Sistema Educativo galego non só de ferramentas pedagóxicas senón tamén valores como a tolerancia, que forma parte da nosa maneira de ser e que axudará aos nosos mozos e mozas a desenvolverse mellor nun mundo que lles pertence.

Debido á súa importancia para o futuro de Galicia e de España, o titular do Goberno galego poñerá en valor a estabilidade da nosa autonomía –esencial para o benestar dos cidadáns– e remitirase aos feitos acontecidos nos últimos tempos para demostrar que a inestabilidade só conduce á parálise política e, en consecuencia, ao atraso de decisións urxentes e importantes para as galegas e os galegos, como o AVE ou o sector industrial.

Neste sentido, o presidente da Xunta erixirá Galicia nun pobo reivindicativo, é dicir, consciente dos seus dereitos pero tamén dos seus deberes. Por iso, reclamará unha vez máis os recursos que lle pertencen a Galicia e que seguen retidos por parte da Administración central e, ao mesmo tempo, subliñará a necesidade de defender a España das Autonomías, un sistema froito da etapa máis fecunda da historia do noso país e que, por iso, é preciso reivindicar.

Nesta mesma liña, Feijóo reivindicará a mesma unidade que predicaron o propio Eduardo Blanco Amor ou a Xeración Nós, que o ano que entra celebra o seu centenario. En concreto, salientará que o seu pensamento integrador está hoxe máis vixente que nunca, sobre todo fronte a tendencias que pretenden fraccionar as sociedades.

Por iso, reclamará que xuntos somos máis fortes, xa que a unión dun pobo chega con máis intensidade aos colectivos que padecen situacións difíciles, como os traballadores das industrias golpeadas por decisións ou indecisións de índole política, as persoas enfermas ou as mulleres que sofren calquera tipo de violencia machista.

Así pois, Feijóo cualificará Galicia como unha comunidade que quere seguir camiñando unida sen deixar a ninguén atrás e, neste sentido, apostará para a vindeira década, e ás portas do Xacobeo 2021, por unha Galicia moza, familiar, verde e innovadora: unha Galicia que sexa, máis que nunca, Galicia Calidade.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia