As escolas infantís de Galicia serán gratuítas para o segundo fillo e sucesivos a partir do 1 de abril As escolas infantís de Galicia serán gratuítas para o segundo fillo e sucesivos a partir do 1 de abril
Vídeo do acto

As escolas infantís de Galicia serán gratuítas para o segundo fillo e sucesivos a partir do 1 de abril

A gratuidade implantarase tanto nas escolas infantís públicas da Xunta como nas concertadas e tamén nas privadas e de iniciativa social que desexen acollerse

Feijóo recalca que esta iniciativa, pioneira e sen precedentes en toda España, beneficiará a 12.500 nenas e nenos e ás súas familias

A Xunta investirá neste 2020 máis de 14 millóns para introducir esta medida

A partir do vindeiro curso 2020/2021, o Goberno galego tamén achegará fondos para que as escolas infantís municipais introduzan tamén a gratuidade para segundos fillos e sucesivos

O presidente da Xunta recorda que desde 2016 as familias que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes xa teñen acceso a un servizo 100% gratuíto coas casas niño, que este ano se estenderán ao 100% dos municipios máis pequenos

No primeiro trimestre deste ano levarase ao Parlamento a primeira Lei de impulso demográfico que, entre outros aspectos, dará un novo pulo á conciliación, coa ampliación dos horarios das escolas públicas infantís
 

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2020.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou hoxe que Galicia iniciará neste 2020 a universalización da educación infantil, que permitirá que a partir do 1 de abril as escolas infantís de 0 a 3 anos sexan gratuítas para todas as familias galegas para os segundos fillos e sucesivos. Feijóo fixo este anuncio durante unha visita ás instalacións da escola infantil de Santa Susana, en Santiago, un edificio histórico que a Xunta remodelou cun investimento de 1,3 millóns de euros.

Alí, o presidente da Xunta precisou que a gratuidade para os segundos fillos e sucesivos implantarase tanto nas 173 escolas públicas da Xunta como nas 260 escolas infantís privadas e de iniciativa social, tanto nas que xa están concertadas a día de hoxe como nas que non o están. Destas últimas, as que desexen voluntariamente adherirse a esta medida contarán co apoio económico do Goberno galego.

Esta iniciativa, pioneira e sen precedentes en toda España, beneficiará ás familias duns 12.500 nenos. Feijóo explicou que para levala a cabo a Xunta investirá neste 2020 máis de 14 millóns de euros.

Ademais, a partir do próximo curso o Goberno galego tamén achegará fondos para facilitar que as escolas infantís municipais poidan introducir a gratuidade para os segundos fillos e sucesivos. Para acollerse a este beneficio, será preciso que o concello en cuestión non teña débedas co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, en relación coa obriga de cofinanciar as escolas infantís e centros de día.

Gratuidade da atención infantil no rural

Ao longo da súa intervención, Feijóo recordou que esta vocación de Galicia de converterse en referente na gratuidade da atención aos nenos desde os seus primeiros pasos non é novidosa, xa que desde 2016 as familias que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes xa teñen acceso a un servizo 100% gratuíto coas casas niño.

Durante á visita á escola infantil de Santa Susana, na que se educan máis de 60 nenas e nenos, Feijóo agradeceu o traballo e o compromiso das profesionais destes centros, que son un piar fundamental na aposta de Galicia por unha educación infantil con vocación de excelencia.

O presidente do Goberno galego concluíu incidindo no compromiso da Xunta cunha educación infantil de calidade e coa conciliación da vida familiar e laboral. Nesta liña, lembrou que a Xunta duplicou desde 2009 as prazas públicas ata chegar ás 25.000; introduciu un servizo de proximidade e calidade nas zonas rurais coas 75 primeiras casas niño, que este ano se estenderán ao 100% dos concellos galegos máis pequenos; e reforzou prestacións como o Bono Concilia para que as familias que non accedan a unha praza pública poidan escoller escola infantil.

Por último, lembrou que no primeiro trimestre deste ano a Xunta de Galicia levará ao Parlamento autonómico a primeira Lei de impulso demográfico de España, que incluirá, entre outras iniciativas, medidas para dar un novo pulo á conciliación, coa ampliación dos horarios das escolas públicas infantís.
 

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia