Feijóo valora a implicación das empresas galegas co Xacobeo 2021 cun novo patrocinio de case 1 millón de euros Feijóo valora a implicación das empresas galegas co Xacobeo 2021 cun novo patrocinio de case 1 millón de euros
Vídeo do acto

Feijóo valora a implicación das empresas galegas co Xacobeo 2021 cun novo patrocinio de case 1 millón de euros

Avanza algunha das cifras do balance sobre o turismo en Galicia en 2019, un ano excepcional que consolida as melloras da última década: entre 2009 e o pasado ano o número de viaxeiros que chegaron á Comunidade se incrementou un 26%

Incide en que o Xacobeo 2021 supón comezar a década cun paso decidido “cara á unha oportunidade de país" e destaca que Galicia vai aproveitala

Insiste na necesaria colaboración do Goberno central e lembra que o Xacobeo non só afecta a Galicia, senón a toda España por onde pasan os camiños que chegan a Compostela
 

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2020.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, valorou hoxe a implicación das empresas galegas co Xacobeo 2021, cun novo patrocinio de case 1 millón de euros, a través do convenio asinado esta mañá con Vegalsa-Eroski.

Durante o acto, Feijóo agradeceu o compromiso deste grupo con Galicia, coa súa cultura e co seu progreso, non en van a través deste convenio, resaltou, realizaranse actividades educativas e divulgativas da gastronomía galega vinculada ao Camiño, así como programación escénica e musical, que se desenvolverá en diferentes localidades polas que pasan as rutas xacobeas.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta fixo fincapé en que patrocinios coma este permiten ás empresas ter un papel activo neste gran evento cultural que tamén servirá para mostrar ante o mundo todo o talento galego.

Feijóo aseverou que o Xacobeo 2021 supón comezar a década cun paso decidido cara á unha nova oportunidade para toda Galicia, “cara á unha oportunidade de país que estamos decididos a aproveitar”, dixo, referíndose á implicación do Goberno galego, xunto ao concurso de toda a sociedade.

2019, un ano excepcional de viaxeiros que consolida as melloras da última década
Nesta liña, aproveitou o acto para avanzar algunha das cifras do balance da actividade de promoción turística de Galicia en 2019 e que será avaliado mañá no Consello da Xunta. Unhas cifras que, segundo explicou, converten 2019 nun ano excepcional que consolida as melloras da última década, así entre 2009 e o pasado ano o número de viaxeiros que chegaron á Comunidade se incrementou un 26%.

Para o presidente da Xunta estes datos significan contar cunha gran plataforma de feitos xa formalizados para iniciar esta década e para afrontar o ano santo, cuxos valores están máis vixentes ca nunca: a hospitalidade, a convivencia entre distintos, o intercambio de culturas, a reflexión e a tolerancia.

O responsable do Executivo galego concluíu recordando que co obxectivo de converter o vindeiro Ano Santo nun proxecto “ilusionante” para o conxunto dos galegos, desde a Administración autonómica xa se está a traballar desde diversos plans como o Plan de albergues, para recibir mellor aos visitantes; de sinalización, para que os peregrinos sempre atopen a orientación necesaria; de embelecemento, para combater o feísmo e dar a mellor imaxe de Galicia; de mantemento, para conservar axeitadamente os camiños; e como o Plan de Bens de Interese Cultural, que manterá e restaurará unha centena de monumentos ao longo das rutas.

“En definitiva, estamos a falar dunha oportunidade na que agardamos tamén a colaboración do Goberno central”, insistiu, xa que o Xacobeo non só afecta a Galicia, senón a toda España por onde pasan os camiños que chegan a Compostela.
 

Vídeos relacionados

  • Vídeo do acto
Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia