Declaracións do presidente da Xunta

Feijóo enxalza o espírito do emprendemento galego capaz de converter as crises en oportunidades

Lembra que grazas ao compromiso de todos os galegos, Galicia superou a crise económica e continúa crecendo e creando emprego

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2020.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou hoxe o espírito do emprendemento galego capaz, recordou, de converter as crises en oportunidades.

Durante a entrega do VII Premio á excelencia empresarial do Club Financeiro de Santiago, Feijóo lembrou que grazas ao compromiso de todos os galegos, Galicia superou a crise económica e continúa crecendo e creando emprego. Un esforzo colectivo que avalan datos como as exportacións, que tamén medraron nos últimos anos, convertendo Galicia nunha economía cada vez máis internacionalizada.

Nesta liña, e no tocante ao premiado, o titular da Xunta lembrou que o encontro de Juan Carlos Escotet con Galicia prodúcese como resultado dunha crise. “Unha crise que abriu unha oportunidade que se converteu nunha entidade financeira galega que recuperou o seu pulo. Unha entidade que recuperou a confianza perdida de moitos galegos, que se imbrica no tecido produtivo e que se expande a territorios veciños”, subliñou.

“A crise foi unha oportunidade que Galicia e Abanca souberon aproveitar”, dixo, subliñando que, nese momento crítico, Juan Carlos Escotet ve a Comunidade como un destino idóneo para traballar e medrar.

“A súa implicación dinos que Galicia é un mercado e tamén unha sociedade cuxa vida hai que compartir”, concluíu, recordando tamén a intensa participación da entidade, como banca próxima, en proxectos deportivos e culturais de todo tipo.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia