Feijóo destaca a traxectoria dos estudantes Premios fin de carreira e pon en valor o papel das universidades galegas, "factoría de excelencia e de equidade" Feijóo destaca a traxectoria dos estudantes Premios fin de carreira e pon en valor o papel das universidades galegas, "factoría de excelencia e de equidade"
Declaracións do presidente da Xunta

Feijóo destaca a traxectoria dos estudantes Premios fin de carreira e pon en valor o papel das universidades galegas, "factoría de excelencia e de equidade"

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2020.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a traxectoria dos 69 estudantes que recibiron esta mañá os Premios fin de carreira e puxo en valor o papel das universidades galegas, “factoría de excelencia e equidade”.

Ao longo da súa intervención, referiuse aos galardoados como exemplo de traballo e dedicación, e incidiu na importancia de seguir apostando pola formación e o coñecemento, “porque a educación –aseverou- é a clave sobre a que se sustenta calquera sociedade que quere ser libre”.

Nesta liña, o titular da Xunta tivo palabras de recoñecemento para todos os profesionais que forman parte do sistema educativo galego e que traballan, día a día, pola equidade, a igualdade de oportunidades e a excelencia. Ao respecto, referiuse aos resultados PISA 2019, os mellores da historia da educación pública galega, e que acreditan que a Comunidade se sitúa á cabeza das autonomías en Ciencia e está entre os primeiros postos en Matemáticas.

Logo de recordar que estes premios son un punto e seguido nas súas traxectorias, Feijóo animou a todos os premiados a seguir traballando para acadar os soños desexados, apoiándose sempre na familia, no corpo docente e nos compañeiros. E aseverou que “un dos recursos máis importantes que ten Galicia é, sen dúbida, o talento da súa xente”, dixo, presente en todos os eidos.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia