Feijóo traslada ao presidente do Goberno de España tres propostas prioritarias para seguir traballando na prevención e contención do coronavirus Feijóo traslada ao presidente do Goberno de España tres propostas prioritarias para seguir traballando na prevención e contención do coronavirus
Imaxes da videoconferencia

Feijóo traslada ao presidente do Goberno de España tres propostas prioritarias para seguir traballando na prevención e contención do coronavirus

“Necesitamos unha resposta rápida e que se nos mande material para seguir traballando con seguridade”, di

Traslada ao Executivo central a recomendación de que se sigan facendo as probas de diagnóstico en domicilio

Expón a importancia de seguir extremando as medidas de contención, sempre que sexa posible

Eleccións autonómicas 5A

Destaca a suspensión das eleccións autonómicas do vindeiro 5 de abril, a través dun decreto da Xunta que será asinado mañá na reunión do Consello da Xunta e logo de ser remitido á Xunta Electoral

Neste documento acórdase, tamén, a decisión de asinar un novo decreto de convocatoria electoral no momento no que finalice o estado de alarma e de emerxencia sanitaria, e despois de escoitar aos partidos políticos

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2020.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe durante unha nova reunión cos representes dos principais partidos políticos galegos das tres propostas prioritarias que trasladou esta mañá, por carta, ao presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, para seguir traballando na prevención e contención do coronavirus.

Logo de valorar que todas elas son medidas coincidentes nos obxectivos que tamén expresaron os partidos da oposición onte, Feijóo referiuse, nun primeiro termo, á preocupación pola falta de material, centralizado no Ministerio: “Necesitamos unha resposta rápida e que se nos mande material para seguir traballando con seguridade”, dixo, recordando tamén que as comunidades seguen á espera dun estudo do Goberno, “que sinale os posibles escenarios que temos e así poder estar mellor preparados para todas as posibilidades”.

No tocante á segunda proposta, o titular da Xunta trasladou ao Executivo central a recomendación de que se sigan facendo as probas de diagnóstico en domicilio. “Cremos que, mentres sexa posible, deberíanse seguir facendo probas de diagnóstico en domicilio. Nós, se temos o material necesario, contamos con laboratorios e aparataxe suficiente para seguir realizándoas”, explicou.

Como terceiro punto, Feijóo expuxo a importancia de seguir extremando as medidas de contención, sempre que sexa posible, ademais de trasladar a necesidade de que, no ámbito de portos e aeroportos, se adopte unha decisión coherente coa adoptada nas fronteiras terrestres, así como limitar o tránsito de avións e extremar os controis para todos aqueles que cheguen.

Lonxe de que estas propostas poidan entenderse como unha crítica, Feijóo trasladou a “absoluta comprensión” coa situación do Goberno central, “igual que pido comprensión coa situación do Goberno de Galicia”, incidiu en que “todos estamos en situación de máxima tensión e actividade”.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego aseverou que Galicia segue a traballar para mellorar cada día a resposta. Así, subliñou que as chamadas ao 900 400 116 están sendo atendidas, desde esta mañá, por case un centenar de operadores e, en materia de política social, aseverou que a Xunta xa está a elaborar un plan de continxencia para os usuarios de centros de día públicos; “estamos contactando con eles para ver o que precisan, para facer un seguimento dos medicamentos e para ofrecerlles un servizo de comida se o precisan”, explicou sobre este punto.

Logo de precisar que todas estas propostas, xunto as medidas no ámbito educativo, social e económico xa expostas con anterioridade, serán abordadas na vindeira reunión do Cecop, Feijóo quixo agradecer, novamente, o traballo de todos os profesionais sanitarios, así como a resposta da xente, quedándose nas súas casas. “E quero tamén reiterar todo o noso cariño ás persoas que están a sufrir este virus e tamén aos seus seres queridos”, afirmou, recordando que, neste momento, en Galicia son 305 os casos confirmados.

Eleccións autonómicas 5A

Durante a videoconferencia, o presidente da Xunta abordou cos representantes dos principais partidos políticos galegos a suspensión das eleccións autonómicas do vindeiro 5 de abril, a través dun decreto da Xunta que será asinado mañá na reunión do Consello da Xunta e logo de ser remitido á Xunta Electoral.

Neste documento acórdase, tamén, a decisión de asinar un novo decreto de convocatoria electoral no momento no que finalice o estado de alarma e de emerxencia sanitaria, e despois de escoitar aos partidos políticos.
 

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia