Vídeo da reunión do comité clínico celebrada este luns

A Xunta avalará ata 1.500 euros de anticipo aos traballadores cun ERTE autorizado e que aínda non cobraron as prestacións do Goberno central

Feijóo di que o número de contaxios, pacientes en UCI e hospitalizados constata que estamos nunha fase descendente e advirte que neste novo escenario a prevención é fundamental: “A volta á nova normalidade si, pero a relaxación social non”

Salienta o papel do comité clínico, que se reforza con representantes doutras áreas fundamentais para a desescalada, como pediatría, atención primaria, xeriatría e epidemioloxía

Marca tres liñas de traballo para afrontar a desescalada: elaboración dun plan de resposta a posibles rebrotes, recuperación da actividade asistencial ordinaria e xestión da volta á normalidade social e económica

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2020.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta avalará ata 1.500 euros de anticipo aos traballadores cun ERTE autorizado e que aínda non cobraron as prestacións do Goberno central.

Despois de que o Executivo galego leve semanas pedindo ao Goberno de España que axilice o pago das prestacións aos traballadores a cuxas empresas xa se lles aprobou o seu ERTE, Feijóo lembrou que na Comunidade hai máis de 200.000 traballadores afectados por un expediente de regulación temporal de emprego. “Hai miles de familias que aínda non cobraron e necesitan liquidez”, dixo, subliñando o acordo coas entidades financeiras para que os traballadores poidan solicitar un anticipo das súas prestacións de forma inmediata, de xeito que a Xunta avalará 1.500 euros por traballador, cun tope mensual de 750 euros.

O presidente autonómico confirmou que a Administración autonómico tramitou 30.000 expedientes, o 90% do total, “e o que imos intentar é cumprir taxativamente os prazos para informar e tramitar os ERTE e adicionalmente anticipar a nómina para facilitar a liquidez das familias”, abundou.

Volta á nova normalidade si, pero relaxación social non

Durante a rolda de prensa para dar conta da actual situación con respecto ao coronavirus, Feijóo aseverou que o número de contaxios, de pacientes en UCI e de persoas hospitalizadas seguen a constatar que estamos nunha fase descendente. E avanzou que na planificación deste novo escenario vai ser fundamental, como xa expuxo o comité clínico, a prevención.

“A volta á nova normalidade si, pero a relaxación social non. Se hai unha relaxación social non poderemos volver á situación económica e social da nova normalidade”, sentenciou, incidindo na importancia de que a cidadanía aplique as máximas medidas de protección baseadas: na distancia social –entre 1,5 e 2 metros-; na hixiene constante de mans e no uso das mascarillas en determinados contextos e lugares. Sobre este último punto, reiterou que as comunidades seguen á espera dun protocolo do Goberno sobre o seu uso.

Tres grandes liñas de traballo para afrontar a desescalada

Neste novo escenario, o presidente destacou o papel do comité clínico, que se reforza con representantes doutras áreas fundamentais para a desescalada, como pediatría, atención primaria, xeriatría e epidemioloxía; e cuxo labor centrarase en tres grandes liñas de traballo.

En primeiro lugar, Feijóo referiuse á elaboración dun plan de resposta a posibles rebrotes do COVID-19; “ante posibles rebrotes puntuais, localizados en determinadas zonas, e ante un posible rebrote máis xeneralizado en outono ou inverno”, precisou, destacando como segundo punto a recuperación da actividade asistencial ordinaria, que se viu afectada pola incidencia do coronavirus. Para acadar esta meta, trasladou as tres medidas propostas polos expertos, baseadas en: incrementar as consultas telefónicas, aumentar a teleasistencia e ampliar os horarios de atención, para evitar aglomeracións nas salas de espera, como consecuencia da distancia social obrigatoria.

No tocante á terceira liña: como xestionar a volta á normalidade social e económica, Feijóo incidiu na importancia de contar cun calendario orientativo por parte do Goberno central, garantindo unha volta segura, gradual e dinámica, “porque se non hai garantías sanitarias, non haberá nova normalidade”, abundou.

Ao respecto, salientou que unha vez realizado o estudio epidemiolóxico da Comunidade, cuxa primeira fase comezará este xoves, presentarase a proposta sanitaria da desescalada económica e social que Galicia considera oportuna, “porque se algo temos claro é que os requisitos sanitarios son os que deben orientar todo o procedemento”, dixo.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia