Vídeo

Feijóo presenta o plan de reactivación do turismo centrado en facer da comunidade un destino seguro e reinventar un sector clave para a marca Galicia e a economía

Precisa a posta en marcha dunha estratexia de seguridade sanitaria que permita deseñar certificacións que acrediten o cumprimento das medidas e xerar confianza

Aposta por reformular a promoción de destino e impulsar novos produtos adecuados ao novo contexto do mercado

Avanza a creación do Bono Solidario para que as persoas de sectores como o sanitario e o social poidan desfrutar de hoteis e restaurantes, cunhas tarifas especiais bonificadas polo sector e incentivadas pola administración pública
 

 Santiago de Compostela, 2 de maio de 2020.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou esta mañá, a través dunha videoconferencia na que participaron máis de 1.000 profesionais do sector, o Plan de reactivación do turismo centrado en facer da Comunidade un destino seguro e reinventar un sector clave para a marca Galicia e a economía.

“Afrontaremos a situación desde a fortaleza e a determinación que tivemos sempre. Imos retomar a senda de crecemento turístico do país, comprometidos con que o turismo, que foi clave para recuperarnos da crise de 2008, volva converterse nun sector clave para recuperarnos da caída abrupta do PIB, do incremento exponencial do paro, da débeda pública e do déficit público que se espera”, dixo, incidindo na necesidade do traballo conxunto para a través de medidas concretas e coordinadas reinventar o sector.

Co obxectivo de converter Galicia nun destino seguro, Feijóo precisou que un dos piares deste plan é a posta en marcha dunha estratexia de seguridade sanitaria para o sector, que permita deseñar tanto medidas de seguridade e hixiene, coa vista posta na
reactivación; así como certificacións que acrediten o cumprimento destas medidas por parte dos distintos establecementos para incrementar así a confianza na Comunidade.

Nesta liña, lembrou que o sector turístico galego conta unhas bases sólidas para afrontar esta nova situación. Non en van, Galicia conta con natureza, paisaxe e gastronomía, ademais da calidade das súas praias e establecementos e do feito diferencial como é o Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021, que ten que seguir sendo unha chave para activar todo o sector.

Ademais desta estratexia, o plan de reactivación do turismo contará con outras medidas, 26 en total, enfocadas a fomentar o emprego, reactivar o consumo e xerar liquidez.

Así, e dentro do ámbito de Galicia como destino seguro, o titular da Xunta destacou un investimento de 6 millóns de euros para reformular a estratexia de promoción de destino; xerar novos produtos turísticos adecuados ao novo contexto do mercado; e adaptar o sector ao novo paradigma, adaptando os establecementos aos requisitos esixidos polos protocolos e favorecendo a adquisición de equipamentos e a preparación de espazos.

Por outra banda, o titular da Xunta destacou a posta en marcha dun programa de consultoría online para asesorar e axudar a identificar medidas personalizadas para cada área de negocio. Ademais de apostar pola formación e a competitividade.

Turismo local e de proximidade e un Bono solidario

Durante o encontro, Feijóo incidiu tamén en que o turismo local e de proximidade será clave. Ao respecto, destacou a posta en marcha do programa Queda en Galicia, para desfrutar de todos os recunchos que ofrece a Comunidade.

“Crearemos tamén un observatorio para a innovación e a sustentabilidade turística e estamos a traballar xa na creación dun Bono solidario para as persoas de sectores como o sanitario e o social”, avanzou, para que, cunhas tarifas especiais bonificadas polo sector e incentivadas pola administración pública, poidan desfrutar de hoteis e restaurantes, entre outros servizos.

Así mesmo, destacou a necesidade de potenciar o traballo con xeodestinos e entidades locais e a busca de acordos con entidades financeiras para que complementen esta aposta pola economía e polo sector turístico.

“En definitiva, estamos a falar da creación de protocolos e certificados en materia hixiénico-sanitaria; do reforzo da marca Galicia e a potenciación dos nosos atributos referenciais; da aposta pola formación e a innovación; do impulso de novos produtos enfocados ao novo escenario; e de realizar campañas de promoción distintas”, explicou, a modo de resumo.

Logo de resaltar que as medidas, consensuadas co sector, poñeranse en marcha desde este mesmo mes de maio, Feijóo recordou que estas iniciativas inclúense dentro do plan aprobado polo Consello para a recuperación dos sectores cultural e turístico, dotado con 27 millóns de euros.

Demanda dun paquete laboral específico para o sector

O titular da Xunta concluíu incidindo en que España non se vai reactivar economicamente se o turismo non ten unha peza separada tanto desde o punto de vista legal, como desde o punto de vista laboral. “Somos un país turístico por excelencia e perderíamos unha gran oportunidade se despois de décadas construíndo este destino, España, e este destino, Galicia, pensaramos que o turismo é simplemente un sector máis da nosa economía”, dixo, asegurando que, ademais dun paquete económico, dun paquete social e dun paquete estratéxico para o sector turístico, necesítase un paquete laboral específico para este sector.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia