Imaxes da reunión

A Xunta facilita o acceso dos taxistas ás axudas por perda de actividade e apoia a súa reactivación segura coa adquisición de mamparas de protección para todos os profesionais

A Xunta negociará o uso de servizos de taxi para o traslado de médicos e persoal sanitario que presten servizos de asistencia a domicilio

O informe elaborado polo Instituto Galego de Estatística acredita unha caída da actividade do sector do taxi superior ao 77% desde a declaración do estado de alarma, suficiente para solicitar as axudas estatais

O Goberno galego financiará a adquisición de 3.900 mamparas de protección para vehículos de turismo de transporte de pasaxeiros

O presidente da Xunta informa ao sector de que o Ministerio de Transportes atendeu a solicitude de Galicia e permite xa unha maior ocupación de prazas do taxi sempre que os pasaxeiros convivan

Traslada que neste mes de maio estará resolto o 75% das axudas á adquisición de taxis de baixas emisións e adaptados á mobilidade reducida, sumando 138 axudas por importe de 700.000 euros

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2020.- A Xunta de Galicia facilitará o acceso dos taxistas ás axudas por perda de actividade e apoiará a súa reactivación en condicións de seguridade mediante a adquisición de mamparas de protección para todos os profesionais.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia co presidente da Federación Galega do Taxi, Manuel Sánchez Quindimil, e con representantes do sector nas principais cidades, co obxectivo de analizar a situación do colectivo no contexto da crise sanitaria.

Na xuntanza, o presidente do Goberno galego trasladou a vontade de negociar co sector o uso de servizos de taxi para o desprazamento dos médicos e persoal sanitario que presten servizos de asistencia domiciliaria.

Ademais, informoulles aos profesionais de que a Xunta atendeu a súa solicitude de axuda para acreditar un descenso da súa actividade debido ás restricións de mobilidade asociadas ao estado de alarma que lles permita acceder ás axudas estatais habilitadas.

O sistema de tributación propio do sector do taxi, por módulos, dificulta demostrar a caída de ingresos sufrida nos termos establecidos polas axudas.

O informe elaborado polo Instituto Galego de Estatística acredita unha caída da actividade do sector do taxi superior ao 77% desde a declaración do estado de alarma, suficiente para solicitar as axudas estatais.

Doutra banda, o presidente da Xunta manifestou o interese da Administración autonómica por garantir a seguridade en todos os medios de transporte público, tanto dos profesionais como dos usuarios. Por ese motivo, avanzou que o Goberno galego financiará a adquisición de 3.900 mamparas de protección para todos os profesionais do transporte de pasaxeiros en vehículos de turismo.

A Xunta quere reforzar deste xeito o seu apoio ao sector do taxi, co que mantén aberta unha liña de diálogo e interlocución permanente. O presidente informou de que o Ministerio de Transportes atendeu a solicitude de Galicia e permite xa unha maior ocupación de prazas do taxi sempre que os pasaxeiros convivan.

Finalmente, trasladou que, para achegar liquidez ao sector, neste mes de maio estará resolto o 75% das axudas á adquisición de taxis de baixas emisións e adaptados á mobilidade reducida, sumando 138 axudas por importe de 700.000 euros.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia