A Xunta destina unha achega de máis de 9 M€ para a adquisición de novo material e subministración de servizos para protexer a doentes e profesionais sanitarios do COVID-19

O presidente da Xunta avanzou tamén un investimento de máis de 4 millóns de euros para a adquisición de 740.000 doses da vacina antigripal, o que supón 125.000 doses máis que as adquiridas o pasado ano

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2020.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe tras a reunión do Consello a autorización dunha achega de máis de 9 millóns de euros para a adquisición de novo material e subministración de servizos para combater o COVID-19. “O obxectivo é garantir a seguridade dos profesionais e doentes dos centros sanitarios galegos”, aseverou.

No tocante ao primeiro expediente, Feijóo subliñou un investimento de máis de 6 millóns de euros para diverso material, entre o que destacou: 4.300.000 máscaras cirúrxicas, 1.000.000 de batas protectoras dun só uso, máis de 548.000 máscaras respiratorias FPP2, batas impermeables de alta protección, luvas, solucións desinfectantes e kits de detección rápida de virus.

Nesta mesma liña, destacou a autorización das compras realizadas durante o estado de alarma por parte das distintas áreas sanitarias. Deste xeito, referiuse á achega por valor de máis de 1,3 millóns de euros para subministrar material á Área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras -material sanitario funxible, adquisición de material de laboratorio, material de vestiario e material non inventariable-.

Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, destacou unha contía de 1,2 millóns de euros para levar a cabo unha adaptación de espazos e un mantemento máis intensivo de todos os equipamentos, para adquirir materiais de protección e diagnóstico, desenvolver o teletraballo e reforzar, entre outros, os servizos de limpeza e seguridade.

Por último o Consello da Xunta autorizou tamén a compra de materiais de electromedicina na Área sanitaria da Coruña e Cee. Unha achega de máis de 240.000 euros para a ampliación da unidade de críticos e para dotar de mellor tecnoloxía o servizo de urxencias, entre outras cousas.

Máis de 4 millóns de euros para adquirir 740.000 doses de vacina antigripal

Como último asunto en materia sanitaria, o responsable do Goberno galego anunciou que a Xunta destinará máis de 4 millóns de euros para adquirir 740.000 doses da vacina antigripal, o que supón 125.000 doses máis que as adquiridas o pasado ano (un 20% de incremento).

“Decidimos aumentar o número de doses debido a que a Consellería de Sanidade prevé un incremento do número de vacinacións ligado á actual pandemia do coronavirus”, explicou, subliñando que o obxectivo desta vacinación anual –que se produce entre os meses de outubro e decembro– é reducir a mortalidade, a morbilidade e controlar o impacto da enfermidade.

“Vai ser a primeira vez que en outono nos enfrontemos a dous virus, polo que temos que estar preparados”, dixo, incidindo nos grupos de risco como os maiores de 65 anos, as mulleres embarazadas, as persoas con enfermidades crónicas ou o persoal sanitario.

Na campaña de vacinación antigripal 2019/2020, o número total de doses de vacinas administradas á poboación galega ascendeu a 605.532, o que supón 38.124 doses máis que na campaña anterior. Ademais de aumentar a cobertura en todos os grupos de risco.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia