A Xunta destaca o esforzo de adaptación á situación sanitaria realizado polo sector galego da construción, permitindo manter investimentos e empregos

Alberto Núñez Feijóo salienta a necesidade de manter as estritas medidas de seguridade que fan compatible o avance na construción de infraestruturas e a conservación do emprego coa protección da saúde dos traballadores

As empresas teñen á súa disposición unha guía de medidas de prevención fronte ao COVID elaborada polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde de forma específica para o sector da construción

A Xunta e o sector alertan das consecuencias negativas que a paralización administrativa imposta polo estado de alarma terá na reactivación económica e no impulso de proxectos públicos estratéxicos

Comparten a aposta polas obras públicas como factor de dinamización económica e de creación de emprego
 

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2020.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe o esforzo de adaptación á situación sanitaria realizado polas empresas e os profesionais galegos do sector da construción, o que permitiu manter activos os investimentos e os postos de traballo.

O titular do Goberno galego, acompañado da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo esta tarde unha xuntanza co presidente da Federación Galega da Construción, Diego Vázquez Reino, e cos representantes provinciais do sector, na que abordaron a situación derivada da emerxencia sanitaria polo COVID-19 e da declaración do estado de alarma.

O presidente da Xunta puxo en valor a axilidade das empresas da construción á hora de adoptar medidas de prevención, adaptando os equipos e as xornadas de traballo, establecendo protocolos de hixiene reforzada para as instalacións e as ferramentas e dotando ao persoal de equipos de protección individual.

Feijóo apuntou a necesidade de manter esas estritas medidas de seguridade, que fan compatible o avance na construción das infraestruturas públicas e a conservación do emprego, coa imprescindible protección da saúde dos traballadores.

Ademais, as empresas teñen á súa disposición unha guía de medidas de prevención fronte ao COVID elaborada polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde de forma específica para o sector da construción.

Esa aposta pola seguridade, compartida entre a Xunta e o sector da construción, fixo posible a pronta reactivación das obras e, por exemplo, avanzar na execución de dúas grandes obras hospitalarias (Burela e Ferrol) e na construción de novos centros de saúde.

No encontro, o presidente da Xunta e os representantes do sector da construción coincidiron en sinalar a importancia das obras públicas como un factor de dinamización da economía e do emprego.

Desde ese punto de vista, alertaron das consecuencias negativas que a paralización administrativa imposta polo estado de alarma ten para a reactivación económica e para o impulso de proxectos públicos estratéxicos.

Así, tras a paralización durante semanas dos prazos relacionados coa Lei de contratos do sector público, levantada o pasado 6 de maio, continúa en vigor a suspensión doutros procedementos, tales como os de información pública, o que afecta a obras tan estratéxicas como a estación intermodal da Coruña.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia