Vídeo da visita do presidente da Xunta a PSA Vigo

A Xunta e PSA seguen a traballar para facer da planta viguesa a máis competitiva do grupo tras a covid-19

A aposta de xeito constante pola innovación e as medidas de prevención e seguridade adoptadas son clave para seguir reforzando a competitividade da factoría e do conxunto da industria da automoción galega

Galicia posiciónase como un referente mundial no coche eléctrico e no vehículo autónomo, e os modelos K9 e V20 supoñen unha importante carga de traballo para a planta viguesa e a industria auxiliar

Vigo, 27 de maio de 2020.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta mañá as instalacións de PSA en Vigo, unha planta que a Xunta e a compañía buscan converter na máis competitiva do grupo tras a covid-19.

A aposta constante pola innovación e as medidas de prevención e seguridade adoptadas son clave para seguir reforzando a competitividade tanto desta factoría automobilística como do conxunto da industria da automoción galega. A planta de PSA está retomando a súa actividade, e así, o vindeiro 1 de xuño recuperará a terceira quenda de traballo.

Galicia tense posicionado nos últimos anos como un referente mundial no coche eléctrico e no vehículo autónomo, e os modelos K9 e V20 supoñen unha importante carga de traballo para a planta viguesa e para a industria auxiliar. Ademais, PSA participa en iniciativas que contribúen á dinamización do sector da automoción e o desenvolvemento de procesos innovadores en todo o tecido industrial, como son a Business Factory Auto ou o hub de innovación dixital impulsado por Ceaga.

As diferentes medidas e protocolos adoptados por PSA no reinicio da súa actividade coordináronse tanto coa industria auxiliar e de compoñentes, a través do Clúster de Empresas da Automoción de Galicia (Ceaga), como coa Administración autonómica, a través do asesoramento técnico do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga).

Cómpre salientar que Galicia conta cunha das cadeas de valor da industria da automoción máis completa de Europa. En 2019, o sector alcanzou unha facturación de 9.700 millóns de euros, un 12% máis, superando os datos históricos do 2007 cando acadaron os 9.300 millóns de euros.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia