Feijóo avanza un acto homenaxe o vindeiro 13 de xuño para que todo o pobo galego poida expresar o seu respecto e a súa dor aos falecidos pola covid-19 e ás súas familias

Logo de que o Executivo central decretase un loito oficial de dez días, confirma que o loito oficial na Comunidade, decretado durante todo o mes de maio, finalizará o 6 de xuño

Destaca tamén a unha nova autorización para subministrar material sanitario e de protección á área sanitaria da Coruña e a de Ourense

Resalta a contratación do inicio da obra do novo Hospital Público da Coruña que, cun orzamento de 13 millóns, permitirá crear unha nova área de Hospitais de Día, aumentar a dotación de camas e ampliar os servizos de urxencias

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2020.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello un acto homenaxe o vindeiro 13 de xuño, para que todo o pobo galego poida expresar o seu respecto e a súa dor aos falecidos pola Covid-19 e ás súas familias. Así mesmo, e logo de que o Executivo central decretase un loito oficial de dez días, confirmou que o loito oficial na Comunidade, decretado durante todo o mes de maio, finalizará o 6 de xuño, en concordancia co loito nacional.

Ao longo da súa intervención, Feijóo referiuse tamén a unha nova autorización para subministrar material sanitario e de protección á área sanitaria da Coruña e a de Ourense.

No caso da área sanitaria de Ourense o importe ascende a máis de 700.000 euros para a adquisición de material sanitario e de laboratorio, entre outros aspectos. E, no caso da área sanitaria de Coruña, a achega ascende a máis de 320.000 euros para a compra de artigos de hostalería desbotables, reforzo dos servizos de limpeza e material informático, etc.

Contratación do inicio da obra do novo Hospital Público da Coruña

O presidente do Goberno galego resaltou ademais o inicio da obra do novo Hospital Público da Coruña que, cun orzamento de 13 millóns de euros, permitirá crear unha nova área de Hospitais de Día, aumentar a dotación de camas cunha nova planta de hospitalización e ampliar os servizos de urxencias, así como as camas para coidados intensivos.

Feijóo aseverou que grazas ao Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, o novo Hospital Público da Coruña duplicará a superficie actual con máis de 200.000 metros cadrados. E contará cun aumento do 108% de postos en urxencias; cun 49% máis de consultas; cun 30% máis de quirófanos; e cun 15% máis de camas, das que o 55% serán individuais; e cun 90% máis de postos de hospital de día.

Cómpre salientar que, en total, esta nova infraestrutura contará cun investimento de obra de case 300 millóns de euros, “aos que hai que sumar 100 millóns de euros de equipamento e os 100 millóns que se investiron nos últimos anos para ampliar o servizo de urxencias, a central de esterilización e o bloque cirúrxico”, engadiu.

Máis polo miúdo, subliñou que as actuacións contempladas no inicio da obra recollen unha serie de intervencións en varias plantas do actual complexo hospitalario. Así, na primeira planta traballarase na antiga central de esterilización para ampliar os servizos de farmacia, urxencias e mantemento.

Coa ampliación das urxencias habilitarase unha sala de observación con 4 boxes e 10 camas-sillóns, ademais dun control de enfermería e aseo. E o servizo de farmacia pasará a ocupar unha extensión de 250 metros cadrados.

Na cuarta planta, as obras realizaranse nas antigas urxencias para situar os hospitais de día de oncoloxía, alergoloxía, hematoloxía, polivalente e a oficina de coordinación de transplantes.

A creación da nova área de hospitais –con 102 postos previstos- permitirá a creación de 32 consultas locais.

No tocante á quinta planta, Feijóo referiuse ás obras na área dos antigos quirófanos para situar unha nova unidade de hospitalización, con 29 camas. E, na sexta planta destacou os traballos na zona dos antigos quirófanos, para situar as unidades de coidados intensivos de politraumatizados e coidados intermedios, con 15 camas cada unha.

Nesta fase crearase tamén unha nova unidade de hospitalización con 18 habitacións e 29 camas, distribuídas en 7 habitacións individuais e 11 habitacións de dúas camas.

“En definitiva, o inicio da obra supón un crecemento de 58 camas de hospitalización, 30 camas de UCI e coidados intermedios, 102 postos de hospitalización de día, 29 consultas externas e máis ampliación do servizo de urxencias, de farmacia e de mantemento”, concluíu a modo de resumo.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia