A Xunta destina 16 millóns para apoiar a autónomos e pemes do comercio, o turismo, servizos e transporte e impulsar a instalación de medidas de protección para traballadores e clientes

Os agricultores e gandeiros poderán percibir o anticipo das axudas da PAC grazas á colaboración con diferentes entidades financeiras para abrir unha liña de préstamos a interese cero

Blindánse os apoios aos centros especiais de emprego e ás empresas de inserción laboral

Destinaranse 8M€ para complementar as prestacións de menor contía de traballadores en ERTE e para maiores de 55 anos que perderon o seu emprego

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2020.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe na rolda de prensa do Consello unha nova liña de axudas dotada con 16 millóns de euros para apoiar a autónomos e pemes do comercio, o turismo, servizos e transporte e impulsar a instalación de medidas de protección para traballadores e consumidores.

Máis polo miúdo, Feijóo destacou que estas axudas, que se asignarán por concorrencia non competitiva, inclúen a achega de anticipos no momento da resolución favorable da axuda pola metade da contía dos investimentos realizados.

Os apoios destinaranse a cubrir os gastos realizados para a adquisición de medios de protección e hixiene para o persoal e clientes do establecemento, así como medidas de reforzo de limpeza e desinfección dos locais; a adaptación dos espazos con equipamento de seguridade; a realización das obras de renovación, limpeza e ventilación do aire; e a posta á disposición dos clientes de información relativa ás medidas hixiénicas e de protección.

Por unha banda, achegará axudas directas aos comercios de proximidade e perruquerías de menos de 10 traballadores e menos de 300 m2 para financiar o 100% das medidas activadas, a partir dun mínimo de 300 euros ata un máximo de 1.200 euros. E, por outra banda, ofrecerá apoios directos do 80% do investimento a pemes de menos de 50 traballadores nas accións de seguridade precisas, desde un mínimo de 1.500 euros de investimento ata un máximo de 3.750 (sendo polo tanto a axuda máxima de 3.000 euros).

En canto ao transporte, poderán beneficiarse de axudas de ata 3.000 euros os profesionais do transporte terrestre e marítimo de pasaxeiros, o transporte de mercadorías por estrada e todas aquelas actividades anexas ao transporte terrestre.

Por último, Feijóo destacou as axudas a establecementos de hostalería e restauración, axencias de viaxes e outros locais turísticos, tamén cubrirán o 100% de investimento, ata 1.200 euros dende un mínimo de 300 euros. Irán destinadas a establecementos de menos de 10 traballadores e menos de 300 metros cadrados. Tamén contarán con apoios do 80% do investimento a pemes de menos de 50 traballadores desde un mínimo de 1500 euros ata un máximo de 3750.

Axudas para a instalación de mamparas nos taxis e nos VTC

Nesta mesma liña, avanzou tamén as axudas para a instalación de mamparas nos taxis e nos vehículos de aluguer con condutor. En concreto, financiarase un máximo de 75 euros por mampara e vehículo –o que supón entre o 80 e o 100% do seu custe–. Subvencionaranse as mamparas que se instalasen dende o pasado 1 de marzo e ata o vindeiro 31 de xullo, data na que rematará o prazo para solicitar as axudas.

Anticipo de 210 millóns das axudas da PAC

No ámbito rural, Feijóo destacou a sinatura dun convenio de colaboración con diferentes entidades financeiras para abrir unha liña de préstamos a interese cero, co fin de que os agricultores e gandeiros poidan percibir o anticipo das axudas da PAC a partir do mes de xullo.

Deste xeito, arredor de 27.000 agricultores e gandeiros recibirán de forma inmediata unha inxección de liquidez de 210 millóns de euros, unhas axudas que lles corresponden pero que, de non ser por esta medida, non percibirían ata outono. Este anticipo non terá custe para os agricultores e gandeiros xa que a Xunta financiará integramente a comisión do 1% destes préstamos.

Os interesados deberán realizar a solicitude antes do 31 de xullo. O prazo máximo para a formalización da operación é de 15 días e o empréstito será amortizado no momento do cobro da subvención obxecto do pago, o cal suporá a súa cancelación inmediata.

Esta medida enmárcase no obxectivo de inxectar liquidez aos agricultores, gandeiros e silvicultores afectados pola emerxencia sanitaria mediante un plan co que a Xunta anticipará o pago dun total de 300 M€ de diferentes liñas de axudas da Consellería do Medio Rural.

Blindar os apoios aos centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral

No eido económico, o responsable do Goberno galego referiuse tamén á decisión de blindar os apoios aos centros especiais de emprego e ás empresas de inserción laboral, co obxectivo de que as consecuencias da covid-19 non supoñan un prexuízo de cara á súa permanencia como empresa de economía social e á obtención das axudas autonómicas.

O presidente da Xunta destacou que máis de 3.300 contratos dependen destas empresas e que, a pesar de que os traballadores non puideron ir traballar pola pandemia, “seguiron cobrando e seguirán cobrando todos os meses as súas nóminas”.

Así, Feijóo aseverou que estes apoios beneficiarán a 3.300 persoas con dificultade para acceder ao mercado laboral por ter discapacidade ou estar en inclusión social que desenvolven a súa labor nos 110 centros especiais de emprego e as 12 empresas de inserción laboral de Galicia.

Inxección económica a 9.000 familias

O presidente galego tamén destacou que a Xunta, de acordo cos sindicatos CCOO, UXT e a Confederación de Empresarios de Galicia, destinará 8 M€ para complementar a 9.000 familias a percepción das súas prestacións no caso de estar percibindo os ERTE por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción de menor contía económica mensual—aos que se destinarán 6 millóns de euros— e para complementar a indemnización de maiores de 55 anos que perderon o seu traballo como consecuencia da pandemia –aos que se destinarán 2 millóns de euros—. “Estes 8 M€ forman parte dos acordos do diálogo social que pechamos coas organizacións sindicais”, destacou.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia