Declaracións do secretario xeral

Feijóo preside unha reunión telemática coa Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas para seguir a evolución da pandemia nos países con máis poboación galega

O presidente da Xunta amosou unha especial preocupación pola situación no Brasil e A Arxentina

Trátase da terceira videoconferencia que celebran os responsables do Goberno galego cos representantes electos dos galegos do exterior durante o Estado de Alarma
 

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2020.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu esta tarde unha reunión telemática coa Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas para seguir a evolución da pandemia do coronavirus nos países cunha maior presenza galega.

Mentres que en Europa a epidemia semella estar chegando a unha fase de certa estabilidade, en moitas rexións de América a ameaza está a facerse máis real a medida que avanzan no outono e o inverno. Por iso, o titular do Executivo galego amosou especial preocupación pola situación dos galegos no Brasil, un dos países que está a ser castigado pola covid-19, e A Arxentina, cunha maior poboación orixinaria de Galicia e que está a mirar con precaución a expansión do virus polas zonas más pobres e ateigadas da súa capital, Bos Aires.

“Fun testemuña da evolución da pandemia entre a colectividade de todos os países onde os galegos temos máis presenza e máis peso, en parte grazas a vós e ás diferentes reunións de seguimento que celebramos nestes últimos meses, e prodúceme unha enorme alegría ver que en Europa, por exemplo, a situación está moito máis estable. Pero non podo deixar de sentir certa preocupación polos nosos galegos de América, que están a sufrir agora a ameaza máis real da covid-19. Por iso é importante que todos os galegos, os de aquí e os de alí, saibades que Galicia segue ao voso carón, coma sempre, e que vai seguir apoiándovos e atendéndovos”, asegurou Feijóo.

Terceira xuntanza en sete semanas

A de hoxe é a terceira videoconferencia que os responsables do Goberno galego manteñen coa Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas desde que comezou o Estado de Alarma para preocuparse pola colectividade galega no exterior, logo dun primeiro encontro presidido por Alberto Núñez Feijóo o 13 de abril e un segundo, encabezado polo vicepresidente, Alfonso Rueda, o pasado 4 de maio.
O órgano de representación permanente da colectividade galega que reside fóra da comunidade, que se renovou o pasado mes de decembro, está conformado polo Centro Cultural y Deportivo Valle Miñor de Montevideo (O Uruguai), a Asociaçao Cultural Hispano-Galega Cabaleiros de Santiago de Salvador de Bahía (O Brasil), a Asociación Civil Hijos del Ayuntamiento de Zas de Bos Aires (A Arxentina) e a Sociedad Cultural Rosalía de Castro de La Habana (Cuba) por América; o Centro Cultural de Cuxhaven (Alemaña), o Centro Gallego de Londres (O Reino Unido), o Centro Gallego de Lisboa (Portugal) e a Asociación "As Xeitosiñas" de Zurich (Suíza), por Europa; e o Centro Gallego de Salamanca, o Lar Gallego de Sevilla, o Centro Gallego de Castellón, "O Aturuxo", e a Unión de Asociaciones Gallegas de Cataluña (Augalcat) por España. Como membros natos do organismo permanecen a Casa de Galicia de Montevideo (O Uruguai) e a Hermandad Gallega de Venezuela (Caracas) por contar con máis de 20.000 socios.
 

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia