Galicia e Asturias traballarán conxuntamente para lograr unha aterraxe suave no próximo período de fondos europeos

Feijóo e Barbón apostan por crear un equipo de traballo para reclamar en Madrid e Bruxelas que ningunha rexión baixe abruptamente os fondos que percibía no período anterior

O presidente da Xunta destaca que “é fundamental que os fondos de cohesión, cuxa contía practicamente permanece estable para España, se repartan con criterios de salvagarda e cunha rede de seguridade”

Oviedo, 13 de setembro de 2020.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantivo hoxe en Oviedo unha xuntanza co presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón, na que entre outros asuntos analizaron o novo período de financiamento europeo e acordaron traballar conxuntamente para lograr unha aterraxe suave dos fondos que reciben ambas rexións procedentes da Unión Europea.

En pleno proceso de definición da asignación do período 2014-2020, as primeiras previsións indicaban que Galicia e Asturias serían as rexións que perderían máis financiamento comunitario, unha cuestión especialmente gravosa na actual situación de pandemia e do seu impacto na economía e no emprego.

Ante esta posibilidade dun descenso brusco na percepción de fondos, os presidentes galego e asturiano acordaron hoxe traballar de xeito conxunto para que este reparto provisional se corrixa e ningunha rexión sufra no vindeiro período unha baixada abrupta dos fondos que recibiu no actual período 2014-20.

Nesta liña, o presidente da Xunta subliñou que, a nivel de apoios europeos, está o fondo de reconstrución europea fronte á covid-19, pero iso non pode facer esquecer que está a piques de aprobarse o orzamento comunitario 2021-2027. Para iso, destacou que “é fundamental que os fondos de cohesión, cuxa contía practicamente permanece estable para España, se repartan con criterios de salvagarda e cunha rede de seguridade” de forma que as comunidades autónomas non perdan fondos con respecto ao período actual.

En concreto, formarase un grupo de traballo no que haberá representantes dos departamentos de Facenda de ambos goberno para, segundo indicou o presidente, “facer un documento conxunto e poder facer unha proposta conxunta ao Goberno de España”. E destacou que esta tarefa se fará “con independencia das cores” e traballando polos cidadáns.

Intereses compartidos

Noutra orde de asuntos, Feijóo e Barbón tamén se referiron á alianza posta en marcha entre Galicia, Asturias e Castela e León, en defensa dos intereses loxísticos compartidos, en concreto, o corredor ferroviario de mercancías, sobre a que renovaron o seu compromiso.

“Isto naceu dun cumio e de moitos meses de traballo no ano 2017”, destacou Feijóo e recordou que no seu día se consensuou un plan de necesidades cifrado en 3.000 millóns de euros e foi trasladado ao Goberno central para facilitar a defensa dos seus intereses ante as convocatorias de fondos da UE.

O presidente da Xunta tamén aseverou que se trataron outros temas comúns na reunión como o reto demográfico, a dispersión e o envellecemento da poboación, e afirmou que estes factores supoñen “un incremento no custo da prestación dos servizos públicos”. Así, concluíu, “debe estar dentro de calquera sistema de financiamento dun país descentralizado”.

Día de Galicia

Feijóo tamén se referiu a súa asistencia, tras a reunión co presidente asturiano, ao acto de celebración do día de Galicia en Asturias. Destacou que hai máis de 11.000 galegos que viven no Principado e subliñou que “os asturianos e os galegos entendémonos sempre ben e seguiremos facéndoo”.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia