Vídeo da intervención de Feijóo na inauguración da exposición

Feijóo reivindica os valores da Xeración Nós, fiel a un galeguismo de concordia e onde se atopan as orixes culturais "da Galicia que somos"

Lembra que, a partir dese fito que marca aquela congregación de talento e empuxe, a cultura galega ten un lugar relevante e imprescindible na sinfonía das grandes culturas do mundo

Destaca e agradece o traballo dos comisarios da mostra, así como a colaboración da Deputación de Ourense, para dar continuidade a un ciclo de exposicións iniciado con 'Galicia, un relato no mundo'

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2020.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou hoxe os valores e principios da Xeración Nós, que permanece fiel a un galeguismo de concordia e onde se atopan as orixes culturais “da Galicia que somos”.

“A Xeración Nós percorre a nosa cultura, a retrata e a rescata”, dixo, lembrando que, a partir dese fito que marca aquela congregación de talento e empuxe, a cultura galega ten un lugar relevante e imprescindible na sinfonía das grandes culturas do mundo.

Durante a inauguración da exposición "Galicia, de Nós a nós", Feijóo salientou que malia que cada un dos que a integran era de por si un intelectual de proxección extraordinaria, deciden sumar o seu talento para facer da cultura galega unha cultura sen murallas.

“Aquela revista Nós que sae á luz hai cen anos, ten unha característica especial. Ao redor dela xa non se moven pensadores e creadores meritorios eivados polo illamento, senón que existe toda unha xeración agrupada e conxurada para unha acción común”, incidiu, sostendo que nese momento, a nosa cultura pasa da heroica resistencia de antano a unha posición expansiva.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta destacou e agradeceu o traballo dos comisarios Ana Acuña e Alfonso Vázquez Monxardín, así como a colaboración institucional da Deputación de Ourense, para dar continuidade a un ciclo de exposicións iniciado con
"Galicia, un relato no mundo".

Feijóo concluíu destacando entre as máis de 300 pezas procedentes de 64 institucións culturais e coleccionistas privados que conforman a mostra, os 134 números da Revista Nós, que poderán ser admirados polos visitantes, e a Carta Xeométrica de Galicia, que Ramón Otero Pedrayo tiña na súa casa, obra de Domingo Fontán e rematada en 1834, cando aínda non existían en España mapas tan detallados.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia