Vídeo da intervención do presidente da Xunta

Feijóo anuncia que a Xunta traballa nunha Lei de reactivación da economía co obxectivo de converter Galicia nun bo lugar para investir

"Estamos xa a traballar nesta lei porque a tramitación administrativa non pode ser un problema, senón que ten que ser un acompañamento legal ás empresas, para que con seguridade xurídica se poidan instalar no ámbito territorial”, di

Vigo, 9 de outubro de 2020.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que a Xunta leva dúas semanas traballando nun proxecto de Lei de reactivación da economía co obxectivo de converter Galicia nun bo lugar para investir.

“Estamos xa a traballar nesta lei porque a tramitación administrativa non pode ser un problema, senón que ten que ser un acompañamento legal ás empresas, para que con seguridade xurídica se poidan instalar no ámbito territorial”, dixo, trasladando o compromiso de que o texto entre no Parlamento antes de que remate o ano para a súa aprobación, “e empezar 2021 cunha Galicia co menor prazo de tramitación da historia autonómica”.

Durante a entrega das Medallas Anfaco-Cecopesca 2020, Feijóo fixo fincapé na necesidade de apoiar máis que nunca a todo o tecido produtivo, facilitando que se consoliden novos proxectos para crear riqueza e emprego na Comunidade. Ao respecto, lembrou, a modo de exemplo, as medidas postas en marcha co Plan Avantemar para apoiar á cadea mar-industria neste 2020 e 2021.

Así mesmo, o presidente da Xunta resaltou a capacidade de adaptación do sector da conserva durante a pandemia e aseverou que estas medallas redundan na importancia do traballo conxunto entre a cadea mar-industria e as administracións, contando con Anfaco como interlocutor. Non en van, esta asociación agrupa a 254 empresas -147 galegas- e abarca 26.000 empregos -15.600 en Galicia-.

Nesta liña, destacou o galardón de bronce recibido por Josefa Costa e Visitación Cancela, traballadoras de Calvo conservas; e Ángeles Santos, de Jealsa. “Todas elas levan máis de 45 anos nesta industria”, dixo, referíndose tamén á medalla de prata para Clara Aguilera, membro da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo; e á medalla de ouro para a Axencia Galega de Innovación da Xunta, polo seu compromiso para que os sectores produtivos galegos avancen a través da innovación.

Feijóo concluíu resaltando a rendibilidade do sector conserveiro galego, que leva a marca Galicia polo mundo. Así, salientou que a Comunidade achega o 80% da facturación do sector a nivel nacional, Galicia é a décima exportadora mundial en produtos de pesca, “e superamos a barreira dos 2.000 millóns de euros en exportacións de produtos do mar”.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia