Declaracións do presidente da Xunta

A Xunta dá un novo paso na recuperación da ETEA para a reurbanización e o acondicionamento dos terreos aos novos usos

Feijóo salienta que o investimento total previsto por parte da Xunta no ámbito do PS-1 ascende a 10 millóns de euros, que se veñen a sumar aos 7,7 millóns de euros xa investidos

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2021.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe tras a reunión do Consello un novo paso na recuperación e posta en valor do complexo da antiga ETEA, para implantar o futuro Campus Científico-Tecnolóxico do Mar, tanto do CSIC como da Universidade de Vigo, coa reurbanización e o acondicionamento dos terreos aos novos usos.

“Finalizamos hoxe a última parte da ETEA que é o proxecto sectorial PS-1, co que se actuará en 20.000 metros cadrados”, dixo, subliñando que esta zona terá unha función vertebradora sobre as demais, albergando espazos de uso libre, zonas verdes e conexións tanto interiores como exteriores.

Logo de salientar que, con este paso, as tres áreas sectoriais promovidas pola Xunta xa están aprobadas ou executadas, o titular do Goberno galego precisou que, no que respecta ao PS-1, as actuacións consistirán na reurbanización da Praza de Armas; na reurbanización da Avenida Central para impulsar os percorridos peonís; no acondicionamento da explanada e do espazo lindeiro á praia da Guía, onde se executarán zonas verdes e varios carrís bici; e nas obras de conexión cos sistemas xerais de infraestruturas e servizos básicos.

Ao longo da súa intervención, Feijóo lembrou que no ano 2009, Concello, Zona Franca e Xunta aprobaron un Plan Sectorial de Ordenación que dividía o ámbito en 6 partes e que cada unha delas tiña un contido e alcance distinto e unha promotora. Así, recordou que a Xunta é promotora de tres das seis partes, CSIC e Universidade de Vigo de dúas e o Concello de Vigo de unha.

Deste xeito, salientou que o investimento total previsto por parte da Xunta no ámbito do PS-1 ascende a 10 millóns de euros, que se veñen a sumar aos 7,7 millóns de euros xa investidos e que posibilitará, unha vez investidos, ter a urbanización interior coas infraestruturas, as vías, o abastecemento e os saneamentos necesarios para que CSIC, Universidade e Concello poidan construír a parte que lle correspondes. Neste sentido, explicou que o PS-2 e PS-3 correspondéndolle ao CSIC e á UVigo e que xa se atopan en tramitación, e que o PS-4, de equipamento deportivo, ao Concello de Vigo, sendo o único que aínda non iniciou ningunha tramitación ambiental.

“É un proxecto estratéxico para Vigo e, en consecuencia, para Galicia por múltiples razóns: primeiro porque vai acoller un campus promovido pola Xunta coa Universidade; en segundo porque será un espazo atractivo e aberto aos barrios populosos de Teis e A Guía; e tamén porque será un revulsivo e un complexo de gran valor cultural e paisaxístico como é a ETEA, que queda aberta ao mar, igual que tamén o barrio de Teis”, concluíu.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia