Palabras do presidente da Xunta sobre este tema na rolda de prensa

A Xunta aproba o proxecto da estación de autobuses da intermodal da Coruña cun investimento global de 27,4 M€

Feijóo salienta que así culmina a tramitación urbanística do proxecto, que levará aparellados 500 postos de traballo durante a súa execución material

Sinala que a licitación das obras da estación de autobuses está condicionada á sinatura do convenio marco co Adif e co Concello e á concreción dos espazos comúns e do financiamento do aparcadoiro

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2021.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe, tras a reunión do Consello da Xunta, a aprobación do proxecto da estación de autobuses integrada na intermodal da Coruña, que suporá un investimento total de 27,4 millóns de euros: 17,4 millóns que achegará a Xunta para a terminal de autobuses; e 10 millóns que financiará o Concello da Coruña para a execución dun aparcadoiro subterráneo, que explotará comercialmente durante 20 anos.

Logo de precisar que con esta aprobación culmina a tramitación urbanística do proxecto, que permitiu a redución dos prazos, lembrou que esta obra levará aparellados 500 postos de traballo durante a súa execución material.

A Xunta, segundo avanzou Feijóo, estará en disposición de concluír o proxecto construtivo no mes de marzo e de licitar as obras no mes de abril, para o que é preciso que se cumpran tres requisitos.

O primeiro requisito, dixo, é que o Adif asine o convenio marco de colaboración coa Xunta e co Concello para concretar cales son as obras que vai realizar no apartado ferroviario, valoradas en 48,5 millóns de euros. “Levamos esperando desde outubro para asinalo”, sinalou, ao tempo que engadiu, como segundo requisito, que se debe concretar co Concello da Coruña os termos da execución e do financiamento do aparcadoiro subterráneo situado baixo a estación de autobuses.

Por último, engadiu, “o terceiro requisito é que o Adif concrete, na redacción do proxecto, os elementos comúns para que a estación intermodal opere, desde o punto de vista de accesos, tanto na parte ferroviaria como na de autobuses”.

“Espero que poidamos firmar o convenio marco de forma inmediata porque se non, as semanas que pasen van ser un atraso innecesario, polo menos na execución da obra que corre a cargo da Xunta, a da estación de autobuses”, concluíu Feijóo.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia