Salienta que o informe elaborado pola Xunta acredita que a Saída sur de Vigo permitiría: reducir custos de transporte; atraer novos tráficos de carga e descarga; e mellorar a conexión coa Plisan; e incrementar a actividade portuaria un 6%
Sobre a Plisan, resalta que a Xunta, Porto e Zona Franca seguirán traballando para buscar unha fórmula de comercialización das parcelas que nos faga máis competitivos co país veciño
En relación ao brexit, incide na necesidade de que o Goberno central dea resposta aos barcos que faenan no caladoiro do Gran Sol e, especialmente, nas augas das Malvinas
No eido da integración Porto-cidade, traslada que a Autoridade Portuaria de Vigo contará coa colaboración e cofinanciamento da Xunta no proxecto de humanización da avenida Beiramar ata Bouzas, co obxectivo de acondicionar un espazo transcendental para a cidade
Vigo, 17 de febreiro de 2021.- O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, solicitou hoxe ao Goberno central que licite un dos estudos informativos existentes da Saída sur de Vigo, unha infraestrutura “clave” para a cidade, para Galicia e para a Eurorrexión. Ao respecto, lamentou a decisión do Executivo central de elaborar un novo estudo, cando xa conta cun elaborado pola Administración do Goberno socialista e con outro presentado pola Comunidade galega.
No tocante a este último, salientou que o informe elaborado pola Xunta acredita que a Saída sur de Vigo permitiría: reducir custos de transporte; atraer novos tráficos de carga e descarga; e mellorar a conexión coa Plisan; e incrementar a actividade portuaria un 6%.
“Así llo trasladei ao presidente do Goberno na reunión que mantivemos na Moncloa: no Corredor Atlántico de Mercadorías, unha das infraestruturas prioritarias é a Saída sur de Vigo, con acceso ferroviario a Bouzas, facéndoo compatible coa cidade”, recordou, tras a xuntanza co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña.
“Polo tanto, en termos de PIB, de postos de traballo, de riqueza e de competitividade, a saída sur ferroviaria é, na nosa opinión, un elemento estratéxico para o presente e o futuro do Porto”, abundou.
Durante o encontro, o presidente da Xunta referiuse tamén á plataforma loxística Plisan, a maior bolsa de solo industrial que actualmente ten Galicia, cunha superficie de máis de tres millóns de metros cadrados. Sobre este punto, resaltou que a Xunta, Porto e Zona Franca seguirán traballando para buscar unha fórmula de comercialización das parcelas que nos faga máis competitivos co país veciño.
“E queremos que a Plisan sexa algo máis”, dixo, referíndose ao obxectivo de que se poida converter no punto de engarce do proxecto Autoancora que o sector da automoción, da man da Xunta, presentou aos fondos europeos Next Generation.
Outro dos asuntos que centrou a reunión foi o brexit e a necesidade de que o Goberno central dea resposta aos barcos que faenan no caladoiro do Gran Sol e, especialmente, nas augas das Malvinas. “Nas augas británicas das Malvinas temos entre 18 e 20 barcos faenando e necesitan unha solución, unha fórmula específica, porque sería un gravísimo problema se tivesen que descargar en portos británicos. Para Vigo sería demoledor”, insistiu.
Por outra banda, Feijóo recordou que o Porto leva moito camiño andado na consecución dos obxectivos que agora están recollidos nos fondos europeos Next Generation, referíndose á súa Estratexia 2021-2027, que conta con 48 proxectos que encaixan nestes fondos: uns que xa están en execución; e outros que son novos e candidatos a estes fondos.
Sobre este último punto, destacou o proxecto Green Bay, que ten como obxectivos: a creación de buques de propulsión híbrida e eléctrica, a rebaixa das emisións, a creación de infraestruturas portuarias de carga e a exportación das solucións tecnolóxicas. Ademais doutras iniciativas como a Lonxa 4.0, baseada na dixitalización desta terminal portuaria no Berbés; ou a TUTATIS, para impulsar a enerxía limpa nas illas Cíes e Ons.
“Estamos a falar de proxectos importantes, por valor de 246 millóns. Algúns lidéraos a Xunta e outros o Porto pero, en todo caso, hai 300 persoas e máis de 100 institucións que participaron na confección destas candidaturas que o Porto de Vigo formulan”, precisou.
Por último, e no eido da integración Porto-cidade, o responsable do Executivo autonómico trasladou que a Autoridade Portuaria de Vigo contará coa colaboración e cofinanciamento da Xunta no proxecto de humanización da avenida Beiramar ata Bouzas, co obxectivo de acondicionar un espazo transcendental para a cidade.
“En definitiva, este Porto é a vangarda da economía da área metropolitana de Vigo. Aquí hai emprego, hai liderado, hai exportación e hai innovación e sustentabilidade”, concluíu o presidente do Goberno galego.
Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal