Feijóo traslada a Teresa Ribera a necesidade dunha transición enerxética e ambiental xusta e ordenada que garanta a continuidade de 15.000 empregos de sectores clave para Galicia

“Galicia é unha Comunidade que quere seguir sendo verde, unha comunidade aliada cunha transición enerxética xusta”, di, incidindo na oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation nesta materia, cunha candidatura que agrupa oito proxectos principais, co obxectivo de mobilizar inicialmente máis de 3.300 millóns de euros e crear 30.000 empregos entre directos e indirectos

Destaca as consecuencias da posible inclusión do lobo no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial e insiste na importancia de buscar puntos de encontro

Madrid, 18 de febreiro de 2021.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe á vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, a necesidade dunha transición enerxética xusta e ordenada que garanta a continuidade de 15.000 empregos de sectores clave para Galicia.

Durante a xuntanza mantida esta tarde, Feijóo referiuse, a modo de exemplo, á situación que atravesan plantas como a de Meirama, Endesa-As Pontes, Siemens-Gamesa, Alcoa, Alu-Ibérica ou Ence, que forman parte de sectores clave afectados, como o electrointensivo, o enerxético, o forestal ou a cadea mar-industria que se están a ver afectados pola aplicación dunha transición abrupta.

“A transición enerxética e ambiental non pode deixar miles de empregos atrás”, abundou, valorando a disposición do Ministerio a buscar solucións e a avaliar as distintas propostas formuladas pola Xunta.

Deste xeito, no eido da industria electrointensiva, Feijóo incidiu na necesidade de pechar a venda ordenada de Alcoa e dar así seguridade e tranquilidade aos traballadores, ás familias e a toda a comarca da Mariña. “Necesitamos facelo xa”, urxiu, subliñando a disposición da vicepresidenta cuarta a, xunto co Ministerio de Industria, dar un impulso á venda.

Logo de salientar que Alu-Ibérica debería ter unha solución “igual ou similar” á de Alcoa, o titular da Xunta incidiu na necesidade de que o Goberno aposte por unha transición ordenada que dea continuidade tamén á central das Pontes, impulsando con Endesa e en coordinación coa Xunta, unha solución para darlle viabilidade a esa central funcionando con biocombustibles. E, en canto a Meirama, avanzou que se negociará con Naturgy para avaliar posibles investimentos da compañía en proxectos industriais na zona, co obxectivo de manter os empregos e a actividade económica.


Por outra banda, e sobre a situación de Siemens-Gamesa, en As Somozas, cun ERE que afecta a 215 traballadores, Feijóo pediu ao Ministerio que colabore coa Xunta para intentar que a empresa propoña unha solución. “Tanto a Xunta como o Ministerio estamos de acordo en que pechar é o fácil e manter aberta esta compañía con determinados pedidos asegurados parécenos que é a solución de futuro”, dixo.

Ademais da difícil situación industrial, o responsable do Executivo galego aproveitou a reunión para manifestar a inconformidade coa proposta de actuación de Rede Eléctrica Española para o período 2021-2026. “Non é admisible que dos case 5.700 millóns de euros previstos en actuacións para a rede de transporte de enerxía, apenas un 1,2% -68 millóns- correspondan a Galicia”, precisou.

Do mesmo xeito, aseverou que non se pode admitir que se supriman nesa planificación varios proxectos comprometidos na planificación anterior, como a nova subestación eléctrica para Vigo, que daría servizo ao polígono de Balaídos.

Sobre este punto, Feijóo trasladou o compromiso do Ministerio de estudar as alegacións da Xunta e ter en conta os acordos que había con anterioridade, entre eles a subestación. “Ademais desta subestación, coa proposta actual prexudicaríanse 1.100 MW eólicos que están autorizados e que non poderían evacuar a enerxía producida se Rede Eléctrica Española non inviste o que estaba comprometido”, engadiu.

Modificación da Lei de Costas

Por outra banda, Alberto Núñez Feijóo fixo fincapé no impacto que supón a modificación da Lei de Costas, que afecta a numerosas empresas da cadea mar-industria e aos seus postos de traballo; así como a 5.000 edificacións de concellos costeiros.

Despois de valorar a disposición do Executivo central de celebrar unha reunión coa Administración autonómica para interpretar o artigo 15 do Proxecto de Lei de Cambio Climático, e así dar tranquilidade á industria conserveira, ás depuradoras e ás vivendas que están na costa, Feijóo aseverou que a Xunta seguirá traballando para que o Goberno central acepte a proposta de transferir a xestión deste domino público marítimo-terrestre para prestar un mellor servizo, como ocorre noutras comunidades.

Neste mesmo sentido, referiuse á situación na que se atopa Ence. “Non podemos renunciar a unha instalación de transformación da madeira, tendo en conta que o 46% da madeira que se produce en España cada ano, prodúcese en Galicia”, dixo, lembrando que se trata dun asunto xudicializado. “Precisamos unha fórmula que dea seguridade xurídica ás instalacións costeiras”, recalcou.

Os Next Generation: unha oportunidade para o Polo para a transformación de Galicia

Ao longo do encontro, o titular da Xunta incidiu na oportunidade dos fondos Next Generation: “Galicia é unha Comunidade que quere seguir sendo verde, unha comunidade aliada cunha transición enerxética xusta”. E expuxo á vicepresidenta cuarta os proxectos que Galicia presentou á manifestación de interese convocada polo Ministerio de Industria, no marco deste fondos europeos.

Neste sentido, destacou os catro proxectos máis relevantes presentados: un centro para o impulso da economía circular; a xestión sustentable dos bosques galegos a través da produción de fibras téxtiles a partir de viscosa; a xeración de hidróxeno verde, a partir de enerxías renovables; e o desenvolvemento dunha nova potencia renovable eólica e solar.

Ademais destes catro proxectos, o Polo para a transformación de Galicia abarca tamén outros catro proxectos transversais: a creación de cadeas loxísticas sustentables; un centro de investigación e innovación; a posta en marcha de laboratorios dixitais; e un plan para a recuperación da terra agraria, co obxectivo de fomentar a actividade económica do sector primario e a bioeconomía.

Cómpre salientar que esta candidatura que agrupa a estes oito proxectos, mobilizará inicialmente máis de 3.300 millóns de euros e creará 30.000 empregos entre directos e indirectos. “Todos estes proxectos tiveron hoxe unha acollida moi favorable por parte do Ministerio; e só podo amosar o meu optimismo”, recoñeceu.

Por último, Feijóo e Teresa Ribera abordaron as consecuencias da posible inclusión do lobo no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial. Ao respecto, o titular da Xunta recordou que Galicia conta cun plan de xestión do lobo e, grazas a esta ferramenta, ”non se pode cazar o lobo na Comunidade de xeito indiscriminado, pero si se pode cazar cando o número de manadas excede o equilibrio”, dixo, facendo fincapé na importancia de buscar puntos de encontro.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia