O Goberno galego celebrará mañá un Consello monográfico para abordar os proxectos de Galicia aos fondos europeos de recuperación Next Generation

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2021.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Goberno galego celebrará mañá xoves un Consello monográfico para abordar os proxectos de Galicia aos fondos europeos de recuperación Next Generation. “Isto é o que nos preocupa. Eu veño aquí a falar de Galicia e do seu Goberno”, dixo, despois de coñecer a rebaixa das previsións de crecemento do Banco de España.

Nesta liña, aseverou que a pandemia é e seguirá a ser a primeira preocupación do Goberno galego. “A min o que me preocupa é que non se recorra a Lei de Saúde Pública, que non recorran a un goberno por cumprir co seu deber e a un Parlamento por habilitar unha lei para xestionar a pandemia”, aseverou, referíndose tamén aos traballos que se están a levar a cabo no deseño da nova arquitectura poscovid dos colexios e das residencias da terceira idade; ao plan de rescate aos autónomos e as microempresas; e á crise industrial impulsada desde o Goberno central.

O presidente da Xunta aseverou que tratará todos estes asuntos na reunión que manterá coa oposición o vindeiro venres, ademais do atraso e a parálise que están a sufrir por parte do Estado infraestruturas como a autovía entre Lugo e Ourense, e a autovía Santiago-Lugo.
 

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia