Palabras do presidente

Feijóo apela á unidade para converter Galicia nunha excepción da política de ruído que está invadindo o panorama nacional

Confirma que despois de Semana Santa a Xunta prevé iniciar a vacinación do grupo de idade comprendido entre os 55 e os 65 anos

En relación aos sectores máis afectados pola pandemia, transmite o desexo de habilitar fondos de xestión conxunta entre deputacións, cidades e Xunta; “gustaríanos que a Administración galega fose única a efectos de axudas”

Pide aos partidos da oposición que fagan as súas achegas sobre os Next Generation no Parlamento, co obxectivo de a candidatura galega aos fondos europeos sexa de todos os galegos
 

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2021.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, aproveitou hoxe as reunións que mantivo coa portavoz nacional do BNG e co secretario xeral do PSdeG-PSOE para facer un chamamento á unidade e converter Galicia nunha excepción da política de ruído “enxordecedor que está invadindo a política española”.

Se ben lamentou que a oposición non fose capaz de acordar un formato único a tres para falar de Galicia, Feijóo fixo fincapé en que sería bo que a Comunidade galega fose unha excepción e atopase unidade política nos temas que afectan ao benestar dos galegos e así avanzar. “Pola nosa parte, estamos á disposición, somos un Goberno que cree nos gobernos útiles e que quere escoitar para intentar acertar”, sentenciou.

Durante as reunións, o presidente da Xunta deu conta tanto do balance da pandemia, como da situación actual e trasladou que a vacinación está sendo un proceso aínda máis complexo do que cabía prever, marcado pola ausencia de doses. Se ben confirmou que despois de Semana Santa a Xunta prevé iniciar a vacinación do grupo de idade comprendido entre os 55 e os 65 anos.

Nesta liña, reiterou o compromiso do Goberno galego de vacinar a 100.000 persoas cada día se conta con 100.000 doses diarias e garantiu que non hai ningún problema loxístico, nin de profesionais, nin de capacidade instalada: “Sabemos facelo e o único problema, neste momento, é que temos un número insuficiente de vacinas para poder inmunizar a toda a poboación galega en semanas”, abundou.

Feijóo referiuse tamén ao eido económico, destacando os plans de rescate postos en marcha pola Xunta para os sectores máis afectados pola covid-19 e as medidas de estímulo ao consumo, a través do Bono turístico, do Bono comercio ou do Bono cultural.

Ao respecto, transmitiu o desexo de habilitar fondos de xestión e organización conxunta entre deputacións, cidades e Xunta para reducir os trámites burocráticos; “gustaríanos que a Administración galega fose única a efectos de axudas aos sectores máis afectados pola pandemia”, expresou.

Así mesmo, recordou que nos Orzamentos da Comunidade existe un Fondo Consenso, dotado con 115 millóns, para financiar os consensos que se acaden na comisión parlamentaria.

Ao longo dos encontros, Feijóo fixo fincapé en que os efectos da pandemia son de carácter xeral e, por iso, o Goberno galego está a traballar xa na reformulación de novos modelos de coidados, de residencias, colexios e de lugares de traballo e de ocio.
Así, e centrándose nas residencias de maiores, Feijóo precisou que a Xunta presentará neste primeiro semestre do ano as modificacións no novo modelo, coa disposición de escoitar propostas.

O responsable do Executivo autonómico fixo entrega durante as reunións dun resumo executivo da candidatura de Galicia aprobada onte, no Consello da Xunta, aos fondos europeos Next Generation. Unha candidatura que conta xa con 354 proxectos maduros e viables e que aspira a captar case 20.000 millóns de euros.

Ao respecto, pediu aos partidos da oposición que fagan as súas achegas no Parlamento, “que é o foro indicado”. “Gustaríame que a candidatura galega aos fondos europeos fose de todos os galegos”, insistiu, reiterando a necesidade dun criterio obxectivo para o seu reparto.

Feijóo referiuse tamén á crise industrial que afecta a Galicia e a situación de perigo na que se atopan os máis de 15.000 postos de traballo como consecuencia das decisións que está a tomar o Goberno central. “Estamos nunha situación límite”, dixo, incidindo na necesidade de coñecer a postura dos partidos da oposición, “se están con Galicia ou simplemente cos seus intereses políticos e partidarios”.

En materia de transferencias, o presidente da Xunta destacou novamente dúas cuestións: a xestión do dominio público marítimo terrestre e o traspaso da AP-9. Sobre este último asunto, recordou que é imprescindible contar cunha política de peaxes axeitada antes da súa transferencia e avanzou que o vindeiro 9 de abril terá lugar unha xuntanza co ministro de Transportes.

“E falamos tamén do Xacobeo e da necesidade dun acordo para solicitar ao Goberno de España a súa participación presupostaria. A proposta da Xunta é coñecida, 100 millóns para o Ano Santo”, resaltou.

Por último, o titular do Executivo galego invitou aos grupos parlamentarios a celebrar o autogoberno galego, “os 40 anos do Estatuto de Autonomía”, e animounos a facer propostas conxuntas neste eido.
 

Vídeos relacionados

  • Palabras do presidente
Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia