Galicia activa un novo programa financeiro dotado con 30 M€ para achegar apoio ás empresas e contribuír á súa transformación

Feijóo destaca que a liña de transformación incidirá no impulso de proxectos de internacionalización e reforzo da competitividade

Explica que o apoio se formalizará a través de operacións de entre 1 e 5 millóns pola vía da achega de capital ou pola do préstamo participativo
 

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2021.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a activación dun novo programa financeiro, que estará dotado con 30 M€, para achegar apoios financeiros e contribuír así á modernización e á reactivación das empresas dentro do contexto económico actual marcado pola covid-19.

En concreto, a liña de transformación incidirá, dixo, no impulso de proxectos de internacionalización e reforzo da competitividade a través da dixitalización e innovación, da mellora de produtos e procesos, do desenvolvemento tecnolóxico, da profesionalización de equipos directivos e da reestruturación societaria. Esta iniciativa enmárcase dentro das recomendacións realizadas polo propio Comité de expertos económicos que asesora á Xunta de Galicia desde o inicio da pandemia.

Máis polo miúdo, Feijóo explicou que o apoio se formalizará a través de operacións de entre 1 e 5 millóns pola vía da achega de capital ou pola do préstamo participativo. E a cambio destas contías as empresas beneficiarias terán que elaborar un Plan estratéxico que recolla as súas aspiracións e inclúa tanto medidas específicas como o seu calendario de aplicación. Mentres que, tal e como sinalou, a Xunta ofrecerá un servizo de consultaría gratuíta para colaborar no seu desenvolvemento.

Finalmente, Feijóo lembrou que esta iniciativa súmase a outras medidas concretas dirixidas a apoiar as empresas e a preparalas para a economía post-pandemia. Ademais, enmárcase dentro dos 187 M€ recollidos nos orzamentos de 2021 para o desenvolvemento de instrumentos financeiros.
 

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia