A Xunta somete a consulta pública a futura Lei de prevención das adiccións en menores de Galicia

Feijóo destaca que pretende introducir limitacións á venda, subministración, consumo e publicidade das principais substancias psicoactivas, así como recoller medidas específicas no caso das adiccións relacionadas co mal uso das tecnoloxías

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2021.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe da aprobación do inicio do trámite de consulta pública previa do proxecto de Lei de prevención das adiccións en menores en Galicia.

Unha futura lei, que tal e como sinalou, terá entre os seus principais obxectivos: actualizar os principios que soportan as medidas de prevención; introducir limitacións á venda, subministración, consumo e publicidade das principais substancias psicoactivas; adoptar medidas para superar a normalización do consumo; e recoller medidas específicas no caso das adiccións relacionadas co mal uso das tecnoloxías.

Máis polo miúdo, Feijóo explicou que se tomarán como referencia os resultados da enquisa Estudes (2019) realizada entre adolescentes que cursan ensino secundario e que revelan que un 72,5% mozos galegos de entre 14 e 18 anos consumiu algunha vez alcohol, un 35,9% tabaco e un 25,7% cannabis. Así como que nun 13% dos alumnos desta idade existe un posible uso compulsivo de internet.
 

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia