Declaracións do presidente da Xunta

Feijóo avanza que o Sergas remitirá aos case 100.000 galegos que superaron a covid-19 hai máis de tres meses un cuestionario sobre as súas secuelas para detectar casos de covid persistente

No tocante á vacinación, salienta que o obxectivo da seguinte semana sería administrar 240.000 doses

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2021.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, tras a reunión do Consello da Xunta, que o Sergas comezará a remitir aos case 100.000 galegos que superaron a covid-19 hai máis de tres meses un cuestionario sobre as súas secuelas para detectar casos de covid persistente.

Tras explicar que “son persoas que superaron a enfermidade, pero que seguen tendo algún síntoma ou algunha secuela como dificultade para respirar, perda de olfato, falta de forzas, febre, mareos, perda de peso, perda de cabelo, cambios na voz, trastornos de sono, situacións de ansiedade ou falta de ánimo”, o presidente da Xunta destacou que, unha vez que respondan esa enquisa, “os citaremos en Atención Primaria para coñecer exactamente a intensidade da secuela do covid persistente”.

“Avanzamos, polo tanto, na atención de todos os pacientes que pasaron a covid-19 para intentar mellorar a súa asistencia sanitaria, monitorizar o seu estado de saúde e coñecer mellor esa enfermidade e as súas consecuencias”, aseverou Feijóo.

Campaña de vacinación

No tocante á vacinación, o titular do Goberno galego salientou que “o obxectivo da seguinte semana sería administrar 240.000 doses”, facendo fincapé en que “os obxectivos soamente os podemos cumplir se o numero de vacinas que nos notifican finalmente chegan”

Nesa liña, Feijóo lamentou que esta semana estaba previsto administrar 180.000 doses, pero “non se cumpriron as previsións notificadas polo Ministerio de Sanidade en canto ás vacinas Janssen e nos vamos a quedar en 170.000.”

Agora mesmo estase a levar a cabo unha citación masiva con 15.000 persoas chamadas do grupo de 60 a 65 anos (con AstraZeneca); entre venres e domingo se administrarán 81.000 segundas doses de Pfizer e ao longo de toda a semana tamén se terán administrado outras 30.000 segundas doses de Moderna.

Vídeos relacionados

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia