Declaracións do presidente da Xunta

Galicia avanza na universalización da súa lingua co proxecto Nós que empregará a intelixencia artificial para que os cidadáns poidan interactuar en galego no mundo dixital

“Aspiramos a lograr que os falantes poidan usar o galego con normalidade en todo tipo de dispositivos tales como: asistentes de voz, sistemas de recoñecemento da fala ou tradutores de alta calidade”, explica Feijóo

Destaca un investimento inicial público de 15,5 millóns, “o maior investimento directo na promoción do galego de toda a nosa historia”; e unha mobilización de máis de 45 millóns de euros privados, a través dos novos produtos tecnolóxicos

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2021.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe o proxecto Nós: Intelixencia artificial ao servizo da lingua galega, que permitirá aos cidadáns interactuar en galego no mundo dixital ao mesmo nivel que os falantes doutras linguas.

Durante o acto de presentación, Feijóo subliñou que esta iniciativa permitirá xerar e compilar unha ampla variedade de recursos lingüísticos dixitais de calidade en galego, que serán gratuítos e en código aberto, de forma que poidan ser utilizados tanto por empresas como por institucións. “Aspiramos a lograr que os falantes poidan usar o galego con normalidade en todo tipo de dispositivos tales como: asistentes de voz, sistemas de recoñecemento da fala ou tradutores de alta calidade”, aseverou.

Logo de salientar que este proxecto favorecerá a creación dun ecosistema de empresas tecnolóxicas que fará posible o desenvolvemento destes obxectivos, o titular do Goberno galego destacou entre as ferramentas que se desenvolverán: un sintetizador de voz, permitindo a terceiros incluír nos seus produtos voces artificiais de alta calidade en galego, podendo escoller xénero, idade, etc; un recoñecedor de fala, posibilitando a interacción persoa-máquina ou a subtitulación automática; e un xerador de lingua natural, convertendo datos estruturados en oracións en galego, tanto textuais como orais.

Así mesmo, referiuse tamén á creación dun sistema de diálogo xenérico, é dicir, un axente conversacional textual en galego de carácter xeral, que poderá ser adaptado a dominios específicos por terceiros; un sistema de resposta a preguntas, tanto a través de texto como de voz; un tradutor automático a outras linguas e viceversa, con entrada textual ou por voz; e un sistema de corrección lingüística automática, tanto ortográfica como léxica e gramatical.

Unha mobilización de máis de 45 millóns, a través dos novos produtos tecnolóxicos

Para levar a cabo o proxecto Nós, Feijóo asegurou que a Consellería de Cultura e a Amtega contarán ademais coa participación do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) e do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago; co Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades; así como coa iniciativa privada. Ao respecto, recordou a oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation para abordar o baleiro existente neste ámbito.

Por outra banda, o responsable do Goberno galego destacou que Nós será tamén un proxecto importante en termos de arrastre económico. Non en van, estímase un investimento inicial público de 15,5 millóns de euros, “o maior investimento directo na promoción do galego de toda a nosa historia”; e unha mobilización de máis de 45 millóns de euros privados, a través dos novos produtos tecnolóxicos.

Todo isto, ademais baixo a previsión de xerar 450 novos empregos directos e indirectos, relacionados coa nova industria do coñecemento e o desenvolvemento de aplicacións.

“En definitiva, estamos a falar dun proxecto de país pensado a curto, medio e longo prazos que recolle o espírito da Xeración Nós que defenderon que o galego non podía quedar excluído de ningún ámbito de traballo”, sentenciou, reiterando o compromiso da Xunta coa transformación dixital. Unha aposta reflectida na Estratexia Dixital 2030 ou no acordo asinado coas tres universidades para poñer en marcha dúas titulacións -grao e máster- en Intelixencia artificial.

Vídeos relacionados

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia