Feijóo aborda co alcalde de Monterrei a evolución dos proxectos de maior interese para o concello

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2021.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe co alcalde de Monterrei, José Luis Suárez Martínez, a evolución dos proxectos de maior interese para o Concello, entre os que destacou as obras dos accesos á Fortaleza de Monterrei, para poñer en valor a rúa Camiño Real, que constitúe o acceso principal ao castelo.

Feijóo asegurou que as actuacións licitaranse neste mes de xuño, co obxectivo de que estean rematadas a finais do ano que vén. Deste xeito, levarase a cabo a mellora da accesibilidade ao castelo coa rehabilitación do pavimento histórico, que permitirá o acceso ao tráfico rodado, así como a canalización e o saneamento.

Nesta mesma liña, destacou ademais a tramitación dos convenios deste 2021 para a limpeza, conservación e mantemento da contorna do castelo, así como para a realización de visitas guiadas e de información turística na fortaleza. Ademais, recordou o compromiso da Xunta coa aprobación do proxecto sectorial da fortaleza de Monterrei.

No eido cultural e turístico, o titular do Goberno galego destacou tamén a achega de máis de 70.000 euros para levar a cabo a conservación integral do Camiño ao seu paso polo concello; así como as obras de urbanización da contorna da Capela de San Miguel en Vilaza, cun investimento de máis de 115.000 euros, e a mellora da accesibilidade e da sinalización da Ruta do Viño de Monterrei, cunha achega de preto de 90.000 euros.

No encontro tamén abordaron o proxecto do concello para construír un complexo deportivo, no que a Xunta mostrou a súa disposición a estudar a colaboración para o financiamento de pistas de pádel.

En materia de abastecemento e saneamento, Feijóo trasladou o compromiso da Xunta de estudar a mellor alternativa para as augas residuais dos núcleos de A Pousa e Mixos, a través dunha solicitude á Confederación do Douro, para que as incorpore ao proxecto de mellora da EDAR de Verín.

Por último, e no tocante á covid, o titular do Executivo autonómico salientou que desde o inicio da pandemia, a Administración autonómica activou diversas liñas de axudas das que se beneficiaron autónomos e pemes do municipio, por valor de case 35.000 euros.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia