Feijóo destaca a contribución dos sindicatos á España das liberdades e oportunidades

Asevera que o Estado social e democrático que hoxe desfrutamos leva tamén o selo de CCOO que, baixo o lema Traballo, Unidade, Liberdade, celebrou en 1978 o seu primeiro congreso

Xixón (Asturias), 10 de xuño de 2021.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a contribución dos sindicatos á España das liberdades e oportunidades, cuxo mantemento -dixo- require de compromiso e esforzo diario de todos.

Durante o acto de clausura do XIII Congreso de CCOO-Correos, Feijóo aseverou que o Estado social e democrático que hoxe desfrutamos leva tamén o selo deste sindicato que, baixo o lema Traballo, Unidade, Liberdade, celebrou en 1978 o seu primeiro congreso.
O presidente do Goberno galego aproveitou o acto para resaltar a implicación dos traballadores de Correos, cuxo labor fai que esta empresa teña un selo propio de calidade, de compromiso e de fiabilidade. “Seguides chegando adonde a tecnoloxía non sempre chega”, dixo, destacando a súa achega á cohesión social e territorial; unha labor pola que recibiron en 2018 a Medalla Castelao, unha das máximas distinción da Comunidade galega.

Ao longo da súa intervención, Feijóo referiuse á diversificación, á internacionalización, á dixitalización e á sustentabilidade como os retos futuros a abordar, así como a capacidade de Correos para afrontalos con éxitos. Non en van, aseverou que a traxectoria desta empresa proba que sabe competir nun mercado cada vez máis disputado e máis amplo, sen perder a súa vocación de servizo e os seus sinais de identidade.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia