A Xunta celebra a decisión do Tribunal Constitucional de levantar a suspensión da Lei de Saúde de Galicia

O pleno do TC avala a aplicación da norma, coa excepción do punto referido á vacinación, unha cuestión que a Xunta xa tratara de acordar co Estado na comisión bilateral, pero que o Goberno central non quixo abordar

A Administración autonómica amósase satisfeita co contido do auto, que por outra banda, cualifica as alegacións da Avogacía do Estado de “desmesuradas”
 

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2021.- A Xunta celebra que o Tribunal Constitucional decidira levantar a suspensión da Lei de Saúde de Galicia, tal e como solicitaran os servizos xurídicos da Administración autonómica e en contra do que pedía a Avogacía do Estado. O pleno do TC avala a entrada en vigor da normativa galega coa única excepción do punto que fai referencia á vacinación.

No auto no que o Constitucional levanta a suspensión da norma aprobada pola Xunta en febreiro deste ano e contra a que o Goberno central interpuso un recurso de inconstitucionalidade, o TC cualifica as alegacións da Avogacía do Estado de “desmesuradas”, sobre todo no que se refire a medidas recollidas no texto legal que, segundo esas alegacións, non precisaría dunha autorización xudicial. O TC rexéitao e subliña que “os argumentos expostos polo avogado do Estado no seu escrito de alegacións non poden ser atendidos”.

A Administración autonómica amósase satisfeita co contido do auto e recorda que, no que respecta ao único punto no que se mantén a suspensión, o que fai referencia á vacinación, a Xunta sempre quixo chegar a unha solución pactada. De feito, na comisión bilateral creada a tal fin, propuxera un acordo que o Goberno central nunca aceptou, nin sequera cando se lles remitiu unha proposta alternativa que non foi tida en conta.

O levantamento da suspensión da Lei de Saúde de Galicia implica a súa entrada en vigor cinco meses despois de que fora aprobada polo recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno central, negando así aos galegos de garantías xurídicas para actuar en momentos decisivos da pandemia.

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, manifestou a súa satisfacción polo auto, xa que “chega nun momento axeitado para aplicar as medidas que precisamos para loitar contra a pandemia” e lamentou que o Goberno central “lamentablemente” siga negando unha solución consensuada.
 

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia