Declaracións do presidente da Xunta

Feijóo refírese aos produtos do mar galegos como sinónimo da Galicia calidade, protagonistas da dieta atlántica e claves para manter unha alimentación equilibrada e saudable

Salienta que na actualidade a comunidade galega é a décima potencia exportadora mundial de produtos pesqueiros e que supera a cifra dos 2.000 millóns de euros de exportacións neste eido

Afirma que a Xunta seguirá comprometida coa concienciación e a difusión, a través das distintas campañas que desenvolve para impulsar o consumo de produtos do mar entre a poboación infantil e xuvenil

Lembra que nesta etapa difícil da covid-19 o sector do mar soubo responder e adaptarse á nova situación aprendendo a xerar ciclos curtos de produción e comercialización ou impulsando a venda dixital

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2021.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe aos produtos do mar galegos como sinónimo da Galicia calidade, protagonistas da dieta atlántica e claves para manter unha alimentación equilibrada e saudable.

Durante a inauguración esta mañá do I Foro de Fomento de Consumo de Peixe, Alimentación Saudable e Sostible na Dieta Atlántica-Dietatlántica, Feijóo salientou que na actualidade Galicia é a décima potencia exportadora mundial de produtos pesqueiros, por diante de países coma Xapón, superando a cifra dos 2.000 millóns de euros de exportacións.

Así mesmo, resaltou que as lonxas galegas rexistran a descarga de máis de 150.000 toneladas anuais de peixes, mariscos e algas e que Galicia produce máis de 250.000 toneladas de mexillón e outras especies de acuicultura. Ademais, dispón dun sistema de trazabilidade que xera anualmente máis de catro millóns de notas de venda diferenciadas nas lonxas.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta puxo en valor o desenvolvemento de foros coma este, fundamentais -aseverou- para saber máis sobre o valor nutricional e fomentar o estudo, a investigación e a difusión da dieta atlántica para a saúde e o benestar da poboación. Unha vocación de concienciación e difusión coa que tamén está comprometida a Administración autonómica, a través das distintas campañas que desenvolve para impulsar o consumo de produtos do mar entre a poboación infantil e xuvenil.

“E queremos seguir avanzando nesta liña para continuar estimulando tamén o consumo dos produtos do mar entre os adultos”, dixo, recordando que Galicia está un 22% por riba do consumo per cápita nacional.

O presidente do Goberno galego concluíu lembrando que nesta etapa difícil da covid-19 o sector do mar soubo responder e adaptarse á nova situación, aprendendo a desenvolver ciclos curtos de produción e comercialización, movidos por unha cadea comercial de proximidade; ou impulsando a venda dixital.

“Grazas a estas iniciativas púidose dar cumprida resposta a unha sociedade que demandou máis produto do mar durante a pandemia”, dixo, precisando que en 2020 os fogares españois compraron un 10,5% máis de produtos do mar e gastaron un 13,8% máis que en 2019.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia