Feijóo resalta unha achega de preto de 20 M€ para impulsar o autoconsumo e almacenamento enerxético e acadar aforros anuais de 7 M€ nas facturas das empresas

Asegura que con estes apoios a Xunta aspira mobilizar 60M€; conseguir aforros anuais de 65.000 MWh/ano; e unha redución de emisións de CO2 ao ano equivalente á plantación de 1,15 millóns de árbores

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2021.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe unha achega de preto de 20 millóns de euros para impulsar o autoconsumo e almacenamento enerxético e acadar aforros anuais de 7 millóns nas facturas das empresas.

Máis polo miúdo, Feijóo subliñou que a iniciativa contará cunha liña para realizar proxectos de fotovoltaica -5,3 millóns de euros- e de eólica -280.000 euros- no sector servizos, ambas as dúas con ou sen almacenamento; cunha segunda para outros sectores produtivos, que contará con 11 millóns para fotovoltaica e 580.000 euros para eólica, tamén con ou sen almacenamento; e, por último, apoiarase o almacenamento en instalacións de autoconsumo existentes, tanto no sector servizos como noutros sistemas produtivos con 2,6 millóns.

Así mesmo, estas axudas -de concorrencia non competitiva e financiadas a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia-, contarán cunha porcentaxe que oscilará entre o 15 e o 65% en función do tamaño da empresa, do tamaño do proxecto e da tecnoloxía.

O titular da Xunta asegurou que con estes apoios a Administración autonómica galega aspira mobilizar 60M€; conseguir aforros anuais de 65.000 MWh/ano; así como unha redución de emisións de 23.000 toneladas de CO2 ao ano, equivalente á acción de 1.150.000 árbores.

Feijóo concluíu lembrando que este ano activáronse 15,85 millóns de euros en apoios ás enerxías renovables, destinados tanto aos fogares, como ás empresas e administracións, ás que se suma esta nova convocatoria plurianual que se desenvolverá entre 2021 e 2024.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia