Intervención do presidente da Xunta

Feijóo apela a un diálogo sosegado e multilateral para abordar o modelo de financiamento autonómico centrado nas persoas e non nos territorios

Avoga por un sistema de financiamento “xusto, sen gañadores nin perdedores”, acorde ao custe real de servizos como a sanidade ou a educación

Pide tamén “rigor e cogobernanza” no criterio de reparto dos fondos Next Generation, de xeito que as comunidades non sexan “meras oficinas xestoras” das decisións que sinale o Goberno central

O Grove (Pontevedra), 30 de setembro de 2021.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe a un diálogo sosegado e multilateral para abordar o modelo de financiamento autonómico, centrado nas persoas e non nos territorios.

Durante a súa participación na mesa La financiación de las autonomías: atender a la diversidad y a la cohesión, enmarcada no Foro La Toja-Vínculo Atlántico, xunto cos presidentes da Generalitat Valenciana, Ximo Puig; de Castela-A Mancha, Emiliano García-Page; e de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, Feijóo remarcou que a financiación autonómica é clave para que funcionen os servizos públicos de España, recordando que o 50% do gasto público do país xestiónano as comunidades.

“Se non hai un bo financiamento autonómico non haberá bos servizos públicos e, por conseguinte, non estamos falando dun problema político, senón dun problema de persoas, que son as que empregan os servizos”, abundou, avogando por un sistema de financiamento “xusto, sen gañadores nin perdedores”, acorde ao custe real de servizos como a sanidade ou a educación.

Ao longo do debate, Feijóo fixo fincapé, en que ao igual que nestes 40 anos de democracia, durante a pandemia as comunidades acreditaron que son “un gran modelo”, sendo responsables durante o momento de estrés máximo.

Así mesmo, insistiu na necesidade de establecer un sistema de cogobernanza “real e seria”. E, neste sentido, a modo de exemplo, lamentou que actualmente os fondos europeos de reconstrución conleven gasto corrente ás comunidades.

O presidente da Xunta concluíu pedindo tamén “rigor e cogobernanza” no criterio de reparto dos fondos Next Generation, de xeito que as comunidades non sexan “meras oficinas xestoras” das decisións que sinale o Goberno central.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia