Feijóo avalía co gobernador do Banco de España os retos para a recuperación económica trala pandemia

O Grove (Pontevedra), 1 de outubro de 2021.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, mantivo un encontro co Gobernador do Banco de España, Pablo Hernández de Cos, durante o cal avaliaron os retos para a recuperación económica trala pandemia.

O titular da Xunta aproveitou tamén a reunión para trasladar a preocupación polo peche progresivo de oficinas bancarias nas zonas menos poboadas de España, unha tendencia que se ten agravado coa covid.

Logo de incidir en que o acceso a servizos financeiros é fundamental para o desenvolvemento económico e social, así como para favorecer a cohesión territorial e loitar contra o despoboamento, Feijóo expuxo a necesidade de abordar unha solución global a nivel estatal.

Nesta liña, recordou que Galicia foi unha das primeiras administracións autonómicas en abordar este problema para, coa implicación da Federación Galega de Municipios e Provincias e das entidades financeiras, lograr medidas que faciliten o acceso de servizos financeiros aos habitantes de concellos do rural, en especial onde cesa a prestación de servizos bancarios.

Cómpre salientar que entre os obxectivos do protocolo de colaboración asinado coa FEGAMP atópanse: a instalación de caixeiros autonómicos nas dependencias municipais, habilitar un servizo de asistencia financeira para solucionar de xeito presencial dúbidas e contratar produtos e ofertar formación financeira e banca electrónica.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia