Declaracións do presidente da Xunta

Feijóo destaca a mellora asistencial e de capacidade que suporá a fase 0 do novo CHUAC como paso inicial cara a un hospital ao servizo dos coruñeses e para os vindeiros 50 anos

Resalta que esta fase, cuxo obxectivo é que estea rematada no verán de 2022, permitirá a creación dunha nova área de hospitais de día, a construción dunha nova unidade de hospitalización e a ampliación de Urxencias e as UCI

Garante tamén o compromiso coa atención primaria na cidade, coa construción do novo Centro de Saúde Santa Lucía que contará cun 70% máis de superficie que o actual
 

A Coruña, 5 de outubro de 2021.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a mellora asistencial e de capacidade que suporá a fase 0 do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, como paso inicial cara a un hospital ao servizo dos coruñeses e para os vindeiros 50 anos.

Durante unha visita esta tarde ás obras, Feijóo subliñou que, cun investimento de 13 millóns de euros, esta fase permitirá, entre outras cousas: ampliar na primeira planta a Farmacia, Urxencias -cunha sala de observación con 2 boxes- e Mantemento; establecer na cuarta planta os hospitais de día de Oncoloxía, Alergoloxía, Hematoloxía e Polivalente, así como a oficina de transplantes; e instalar no quinto andar as novas UCI de politraumatizados e coidados intermedios, con 15 camas cada unha, así como unha nova unidade de hospitalización con 18 habitacións e 29 camas.

Logo de precisar que o obxectivo é que as obras desta fase inicial estean rematadas no verán do vindeiro ano, Feijóo lembrou que en total actuarase nun espazo de 8,6 hectáreas, xerando preto de 225.000 metros cadrados de nova superficie, un 67% máis. Ademais de contar cun 50% máis de consultas e postos de observación de Urxencias, cun 108% máis de postos de Urxencias e cun 50% máis de habitacións individuais.

Así mesmo, salientou que a remodelación do enlace da Pasaxe, a construción dun anel perimetral e a construción de 2.600 novas prazas de aparcamento farán do novo CHUAC un complexo máis accesible.

“Todo isto grazas a un investimento total de máis de 431 millóns de euros”, precisou, garantindo tamén o compromiso da Xunta coa atención primaria na cidade, coa construción do novo Centro de Saúde Santa Lucía que contará cun 70% máis de superficie que o actual.

Unha infraestrutura que se sumará aos oito centros construídos nesta última década na área sanitaria da Coruña e Cee e aos outros cinco reformados. E proximamente licitarase o proxecto do novo centro de saúde de Abegondo e asinouse xa o convenio para acometer a reforma do de Bergondo.
 

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia