Declaracións do presidente da Xunta de Galicia

Feijóo avanza que os centros de maiores públicos de Galicia se converterán en residencias intelixentes, poñendo os últimos avances tecnolóxicos ao servizo do benestar dos usuarios

Este proxecto pioneiro a nivel nacional implantarase no ano 2022 en todas as residencias públicas autonómicas de Galicia

“Seremos a primeira comunidade cun servizo sociosanitario con tecnoloxía intelixente e integrada na información sanitaria”, precisa

Os cuartos contarán con sensores para avisar de caídas e o persoal de enfermería terá un monitor multiparamétrico para axilizar os trámites e transcricións

No caso dos residentes con deterioro cognitivo, os profesionais poderán aplicar un novo sistema de seguimento para coñecer a súa localización

Os usuarios multiplicarán a súa oferta de lecer grazas á instalación de monitores intelixentes para facer terapias ou contactar coa súa familia sen saír da habitación

O Goberno galego investirá máis de medio millón de euros na reforma desta residencia da Estrada para, entre outras actuacións, instalar un ascensor e crear un xardín exterior de máis de 300 metros cadrados

A Estrada, 6 de outubro de 2021.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que os centros de maiores de Galicia se converterán en residencias intelixentes coa posta en marcha dun proxecto piloto e pioneiro a nivel nacional que aplicará avances tecnolóxicos no benestar dos usuarios. “Seremos a primeira comunidade cun servizo sociosanitario con tecnoloxía intelixente e integrada na información sanitaria”, precisou, subliñando que o obxectivo é que no 2022 todas as residencias públicas autonómicas galegas conten con este servizo que facilitará o traballo dos coidadores e a atención sanitaria.

Feijóo destacou que no mes de xullo púxose en marcha por vez primeira este proxecto piloto de residencia dixital no centro público autonómico da Estrada en colaboración coa empresa Televés. Entre as novidades que incorpora este sistema atópase un monitor multiparamétrico, que permite que o persoal enfermeiro dedique menos tempo a trámites e transcricións e máis ao coidado personalizado da persoa maior. Ademais, os cuartos transfórmanse en habitacións intelixentes, con sensores que avisan se a persoa maior ten unha caída ou deambula de noite.

Así mesmo, resaltou que os residentes con algún tipo de deterioro cognitivo poderán pasear con máis seguridade, dentro ou fóra da residencia, coa aplicación dun novo sistema de seguimento. Un sistema que tamén posibilitará que os profesionais poidan xeolocalizar aos usuarios nas excusións no caso de extraviarse.

Por outra banda, os maiores poderán multiplicar as súas posibilidades de lecer grazas á instalación de monitores intelixentes que lles permitirán, por exemplo, facer terapias ou contactar coas súas familias sen saír da habitación. Ademais, tanto residentes como familiares estarán en todo momento informados da actividade da residencia, a través da instalación dun panel informativo no vestíbulo.

Novo modelo de coidados

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta aseverou que a implantación das novas tecnoloxías no espazo sociosanitario será un dos piares do novo modelo de residencia que xa está ultimando o Goberno galego. Este novo modelo estará centrado en melloras na coordinación entre a sanidade e os servizos sociais; na humanización do trato e a formación continuada de todos os profesionais das residencias; e nas reformas estruturais que se comezarán a aplicar en todas as residencias de nova construción, con máis habitacións individuais e máis espazo para as actividades.

E continuarase ademais coa introdución dos sistemas de información do futuro, grazas a un novo censo sociosanitario que se actualizará minuto a minuto e que integrará os datos de dependencia e sanitarios dos residentes, “co fin de contar cunha soa base de información dos maiores”, abundou.

Obras de mellora na residencia

O Goberno galego investirá máis de medio millón de euros nas obras de mellora desta residencia de maiores da Estrada. Unha partida que permitirá o cambio das ventás, a instalación dun ascensor, a instalación dun sistema de climatización ou a creación dun xardín exterior de máis de 300 metros cadrados.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia