A Xunta aprobará mañá o proxecto de orzamentos para 2022, unhas contas enfocadas á recuperación económica na fase final da pandemia

O proxecto prevé un crecemento sostible dun 6% do PIB en 2021 e 2022, medio punto máis que o previsto para este exercicio no teito de gasto

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2021.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presidirá mañá unha reunión extraordinaria do Consello da Xunta, na que está previsto aprobar o proxecto de orzamentos da Comunidade para o ano 2022, unhas contas orientadas á recuperación económica agora que previsiblemente estamos a afrontar a fase final da pandemia.

O Consello será o primeiro no que participe o novo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, que tomará posesión con anterioridade tras saír o seu nomeamento publicado no Diario Oficial de Galicia. Ata a actualidade, Corgos ocupaba precisamente a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos da Xunta de Galicia, na Consellería de Facenda.

Os orzamentos da Xunta para o vindeiro exercicio reflectirán os principais aspectos que xa avanzou o xefe do Executivo galego na súa comparecencia parlamentaria da pasada semana no debate anual de política xeral. Así, serán unhas contas que consoliden o modelo que Galicia vén aplicando nos últimos anos: cunha marcada aposta polas políticas sociais; con máis investimento, con menos ratio débeda/PIB e con menos impostos, tal e como xa adiantou Feijóo.

Trátase ademais duns orzamentos realistas e prudentes, nos que se prevé un crecemento sostible para 2021 e 2022 do 6% do PIB cada exercicio, medio punto por riba da prevista para este ano no teito de gasto.
 

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia