Vídeo

Galicia e Andalucía impulsan a cooperación para lograr unha economía competitiva e sustentable co apoio dos Next Generation e a cogobernanza efectiva

Acordan potenciar a Vía da Prata, a través do grupo de traballo entre Andalucía, Estremadura, Castela e León e Galicia; ademais de trasladar a conveniencia de que a Comunidade andaluza estea no Consejo Jacobeo

Demandan obxectividade, transparencia, criterios claros e cogobernanza no reparto dos fondos europeos, reiterando a necesidade de que as comunidades deixen de ser meras oficinas xestoras dos ministerios e poidan xestionar o 50% dos mesmos

Expoñen a necesidade de que se desenvolva a Estratexia nacional para o reto demográfico

Recordan que o sistema de financiamento é a garantía de igualdade de todos os españois e reclaman que a sanidade, a educación ou os servizos sociais conten con suficientes recursos
 

Sevilla, 22 de outubro de 2021.- O titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Junta de Andalucía, Juan Manuel Moreno Bonilla, acordaron hoxe, tras un xuntanza mantida esta mañá, impulsar a cooperación entre ambas comunidades para lograr unha economía competitiva e sustentable co apoio dos Next Generation e a cogobernanza efectiva. Unha colaboración que quedou plasmada nunha declaración conxunta, asinada por ambos os presidentes.

Entre os asuntos abordados, o responsable do Goberno galego referiuse primeiramente ao Camiño de Santiago e ao compromiso de impulsar a Vía da Prata, a través do grupo de traballo entre Andalucía, Estremadura, Castela e León e Galicia. Ademais de trasladar a conveniencia de que a Comunidade andaluza estea no Consejo Jacobeo, para seguir ampliando os foros de cooperación.

Neste mesma liña, o presidente da Xunta aproveitou a reunión para destacar tamén o descubrimento, este mediodía, da mouteira do Camiño de Santiago no Mosteiro de San Isidoro del Campo, no municipio de Santiponce.

Por outra banda, a transición enerxética e o reparto dos fondos europeos Next Generation foron outras das materias avaliadas. Así, ambos os mandatarios coincidiron na proposta de avanzar na concreción de proxectos para as zonas de transición xusta, referíndose a eidos como a eólica mariña, o hidróxeno verde ou a economía azul.

“E pedimos obxectividade, transparencia, criterios claros e cogobernanza no reparto dos fondos europeos”, confirmou Feijóo, reiterando a necesidade de que as comunidades deixen de ser meras oficinas xestoras dos ministerios e poidan xestionar o 50% dos mesmos.

Sobre este asunto, Feijóo resaltou tamén os intereses que comparten as dúas comunidades en sectores que se impulsarán a través de PERTE, como é o caso do sector agroalimentario.

Así mesmo, e no caso concreto de Galicia, Feijóo recordou que o Goberno galego ten remitido á vicepresidenta primeira os proxectos prioritarios para a Comunidade, referidos ao sector forestal e á industria da transformación, ao sector da automoción, ao sector agroalimentario e, no eido sanitario, á medicina personalizada.

Ao longo da reunión, ademais de demandar o desenvolvemento da Estratexia nacional para o reto demográfico, ambos os presidentes avaliaron o sistema de financiamento autonómico, coincidindo na necesidade de que este conte cos recursos suficientes para que funcione. “A Constitución non se pode cumprir se a sanidade, a educación ou os servizos sociais non teñen fondos adecuados para activalos”, dixo o titular da Xunta, recordando que o financiamento é a garantía de igualdade de todos os españois -“o financiamento é para 47 millóns de españois, non para 17 territorios”-.

Ao respecto, resaltou que a multilateralidade da lei orgánica de financiamento das comunidades é un principio constitucional que non pode ser derrogado por ningunha bilateralidade.

Outros dos retos que Galicia e Andalucía comparten son a loita contra os incendios forestais, sobre os que intercambiaron experiencias; así como o futuro da pesca que pasa por seguir apostando pola sostibilidade, a conservación de recursos e a remuda xeracional.
 

Vídeos relacionados

  • Vídeo
Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia