Feijóo traslada a disposición de Galicia a contribuír ao progreso de Ceuta en sectores clave para o seu desenvolvemento económico e de xeración de emprego

“Poñémonos a disposición de Ceuta; e unha vez que teñamos concretadas as datas para visitar Galicia temos que fixar unha axenda económica cos sectores que sinalemos”, precisa

Destaca o liderado de Galicia en sectores como a pesca, o téxtil ou o lácteo e recorda que a comunidade está xa a elaborar o seu Plan estratéxico 2022-2030

Compromete a dispoñibilidade do Goberno galego para divulgar os atractivos do réxime fiscal especial de Ceuta, que acreditan que esta cidade autónoma “é un bo lugar para investir, coma ponte internacional entre Europa e África”

Invita a todos os ceutís a visitar Galicia con motivo do Ano Santo 21-22 extraordinario
 

Ceuta, 20 de novembro de 2021.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe ao presidente da Cidade Autónoma de Ceuta, Juan Jesús Vivas Lara, a disposición de Galicia a contribuír ao progreso da cidade en sectores clave para o seu desenvolvemento económico e de xeración de emprego.

Durante o encontro, Feijóo destacou o liderado de Galicia en sectores como a pesca, o téxtil ou o lácteo e recordou que a comunidade está xa a elaborar o seu Plan estratéxico 2022-2030. “Poñémonos a disposición da Ceuta. E unha vez que teñamos concretadas as datas para visitar Galicia temos que fixar unha axenda económica cos sectores que sinalemos”, incidiu, referíndose tamén a eidos como a innovación, as enerxías renovables ou as TIC.

Nesta liña, trasladou tamén a dispoñibilidade do Goberno galego para divulgar os atractivos do réxime fiscal especial de Ceuta, que acreditan que esta cidade autónoma “é un bo lugar para investir, coma ponte internacional entre Europa e África e lugar loxístico estratéxico desde o punto de vista económico e empresarial”.

“Estou seguro de que Ceuta pode aportar moito ao futuro económico de España se se inviste nela. E a este réxime especial pódeselle sacar partido desde as relacións leais e recíprocas con Marrocos”, dixo, incidindo en que a cidade é unha plataforma “magnífica” para toda Europa e África.

Ao longo da súa intervención, Feijóo destacou tamén os lazos de afecto entre Galicia e Ceuta, dúas terras, dixo, unidas pola pertenza a un mesmo país e por ser cruce de camiños abertos á diversidade.

“Galicia é unha confluencia de Camiños que axudaron a conformar o que hoxe coñecemos por Europa. E Ceuta é unha ponte entre Europa e África; unha ponte referente da españolidade e do europeísmo, das nacionalidades e das relixións diversas que aquí conviven nun exemplo de harmonía e tolerancia”, precisou.

Así mesmo, reiterou a solidariedade de Galicia ante os feitos “indesexables” de hai agora seis meses. Ao respecto recordou que a Comunidade galega apoiou a Ceuta coa acollida de menores non acompañados, que foron recibidos en varios centros de protección da Administración autonómica.

Sobre este punto, expresou ademais o desexo de que pronto se restablezan as relacións “co país veciño e amigo: Marrocos”.

O responsable do Executivo galego aproveitou a xuntanza para invitar a Juan Jesús Vivas e a todos ceutís a visitar Galicia con motivo do Ano Santo dobre e extraordinario que se está a celebrar.
 

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia